Historia

O pazo do Parlamento de Galicia

O edificio do Pazo do Parlamento de Galicia foi construído a comezos do século XX co fin de albergar a escola de veterinaria e os seus servizos anexos de estación pecuaria e granxa agrícola de experimentación.

No remate do século XIX, Galicia mantiña as mesmas condicións socioeconómicas e culturais de épocas pasadas, cun atraso e unha irracional explotación da súa industria pecuaria sen ningún tipo de avance, cando, pola contra, a súa riqueza era moi salientable neste sector económico.

En 1882, o prócer compostelán D. Eugenio Montero Ríos consegue a creación dos estudos correspondentes de veterinaria, que, provisionalmente, se instalan no antigo colexio que fundara no século XVII o arcebispo Xoán de San Clemente, situado nas proximidades da porta Faxeira, ao pé do castro de Santa Susana ou Souto dos Poldros, lugar de encontro de feirantes e gandeiros, a carón da Alameda da Ferradura.

Ao pouco tempo viuse a necesidade de buscarlle unha nova localización a estes estudos de veterinaria recentemente creados, co fin de que estivesen en consonancia coas demandas pedagóxicas, experimentais e de investigación que por aquel tempo dominaban nesta especialidade, e así puidesen repercutir no fomento e na mellora da gandaría do noso país e nunha máis lucrativa explotación das industrias derivadas.

Por todo isto, no ano 1898, a raíña rexente, D.ª María Cristina, no nome do seu fillo Alfonso XIII, dispón un Real decreto de data do 3 de setembro, polo cal se aproba o proxecto estudado polo arquitecto Antonio Bermejo y Arteaga para a construción dun edificio destinado a escola de veterinaria, cun orzamento de 982.324 ptas., con cargo aos orzamentos de 1899 a 1900, ampliables ata o de 1906 ou 1907.

Dada a importancia e significación deste feito, o Concello de Santiago crea a correspondente comisión presidida polo catedrático Cleto Troncoso, para que con outras persoas expertas elixan o lugar ou sitio máis axeitado para a localización da escola.

Despois de visitar numerosos campos que reunisen as condicións máis pedagóxicas e hixiénicas, como lugares elevados e ventilados, con vertentes opostas ás da poboación, pero ao mesmo tempo non moi afastados dela, decídense polos terreos situados á marxe da rúa do Hórreo, estrada de Ourense, nos chamados Agros da Tenencia, Cornide de Arriba, Codeseira e Brañas do Sar.

Na elección do lugar tívose en conta a influencia que tería o devandito centro na planificación do ensanche de poboación como posible factor desencadeante e polarizador da zona, coa futura estación do ferrocarril situada na veciña Pontepedriña.

Os terreos son postos á disposición da Dirección Xeral de Instrución Pública, pero por esa época o Goberno estaba a pasar por unha forte penuria económica como consecuencia das guerras de ultramar que deron lugar á perda das últimas colonias en Cuba e Filipinas, e, polo tanto, estaba en malas condicións para lles facer fronte aos orzamentos que se tiñan que investir para a construción do edificio da Escola de Veterinaria de Santiago, e esta circunstancia serviu de escusa para un primeiro conato de supresión dos devanditos estudos ao non incluír no Proxecto de orzamentos para o ano 1900 os gastos correspondentes, o que orixinou unha protesta unánime de todas as corporacións galegas.

Pasadas estas vicisitudes e tras as demandas do pobo galego, e coa inestimable axuda do presidente do Senado, o santiagués antes citado Montero Ríos, saen as obras a poxa o 28 de agosto de 1902, que se lle adxudican ao contratista Xoán Bouzón Figueroa, como único solicitante, na cantidade de 1.237.394 ptas., e a primeira pedra é colocada o día 24 de marzo de 1903. As obras rematan dez anos despois, e faise cargo da desexada escola de veterinaria o comisario rexio Ramón Pimentel de Portugal.

O edifico realizouse de conformidade co proxecto do arquitecto Antonio Bermejo y Arteaga, e morto este fíxose cargo da dirección das obras, modificando algúns aspectos iniciais, o tamén arquitecto Arturo Calvo.

Trátase dun edificio de dúas plantas, rodeadas de patios ao aire libre que se sitúan na parte posterior, e distantes daquel catro pavillóns de planta baixa destinados a clínicas para diversos obxectivos, hoxe desaparecidos.

Rematadas as obras e ocupado o edificio, funciona exactamente coas mesmas carencias pedagóxicas e estreitezas respecto dos programas de estudo, tal como o viñera facendo na súa anterior localización, o que deu lugar a unha diminución da matrícula, no que tamén influíu os poucos atractivos que tiña tal actividade profesional, ao que habería que engadir a falta de bolsas de estudo ou axudas para os estudantes que non dispoñían de medios económicos.

Deste chegouse ao ano 1924, no que a matrícula por ensino oficial era de 14 alumnos e outros tantos na non oficial, o que motivou que o Directorio Militar, presidido polo xeneral Primo de Rivera, fixese desaprecer os orzamentos de 1924 e 1925 e, en consecuencia, quedase suprimida de feito a Escola de Veterinaria de Galicia, a pesar de non ser gravosa para as arcas do Estado (50.000 ptas. anuais) e non resultar de menor matrícula en relación coa súa área de influencia.

Desta forma o edificio e os seus anexos pasan do Ministerio de Instrución Pública ao ramo de guerra por intermedio do Ministerio de Facenda o 11 de febreiro de 1925, e o Exército ocupa as súas instalacións para o Rexemento de Artillaría de Campaña n.º 28, ao que sucedeu o Rexemento de Infantaría de Zaragoza n.º 12, ata a creación da Brigada Aerotransportable, que se integra co nome de II Batallón do RIAT 29 da BRIAT, que ocupaba o edificio ata a súa venda á Xunta de Galicia co fin de destinalo a Parlamento da Comunidade Autónoma, que comeza a funcionar, unha vez rehabilitado e restaurado como tal, o día 1 de marzo de 1989.

Co cambio de uso sucédense distintos proxectos de adaptación do edificio aos fins militares, e a partir da resolución do concurso de anteproxectos convocado pola Mesa do Parlamento de Galicia, que recaeu no presentado polo arquitecto D. Manuel Andrés Reboredo Sánchez, comezaron as obras de adaptación do edificio para Parlamento de Galicia, nas que a novidade máis salientable é a construción, ex novo, do hemiciclo que se sitúa no centro do patio.


© Parlamento de Galicia, 2011 | Rúa do Hórreo, 63 - 15701 Santiago de Compostela | Tel.: 981 551 300 Fax: 981 551 408