A Mesa do Parlamento

A Mesa do Parlamento é o órgano reitor da Cámara e desempeña a representación colexial desta nos actos aos que asista.

Está composta polo presidente ou pola presidenta do Parlamento, dous vicepresidentes ou vicepresidentas, un secretario ou unha secretaria e mais un vicesecretario ou unha vicesecretaria.

A Mesa do Parlamento interpreta e suple o Regulamento nos supostos de dúbida ou omisión, adopta as medidas conducentes á organización do traballo e ao réxime e goberno interiores da Cámara, elabora o proxecto dos seus orzamentos e procede á súa execución logo de seren aprobados, cualifica os escritos e documentos de índole parlamentaria, programa as liñas xerais de actuación da Cámara e fixa o calendario de actividades do Pleno e das comisións, entre outras funcións.

 

A Xunta de Portavoces

Os portavoces, xunto coa Mesa do Parlamento, forman a Xunta de Portavoces, que ten como funcións máis importantes establecer os criterios que contribúan a ordenar e facilitar os debates e as tarefas do Parlamento, establecer o calendario de actividades das comisións, decidir a comisión competente para entender nos proxectos ou nas proposicións de lei, fixar o número de membros de cada grupo parlamentario que integrarán as comisións e asignarlles os escanos no salón de sesións aos diferentes grupos parlamentarios.

 

Comisións parlamentarias

Son os instrumentos máis importantes do traballo parlamentario, pois coñecen dos proxectos, proposicións ou asuntos que lles encomende a Mesa do Parlamento.

As máis importantes son as comisións permanentes lexislativas, que actualmente son oito:

  • Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior.
  • Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos.
  • Economía, Facenda e Orzamentos.
  • Educación e Cultura.
  • Sanidade, Política Social e Emprego.
  • Industria, Enerxía, Comercio e Turismo.
  • Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes.
  • Pesca e Marisqueo.

Estas comisións preparan a discusión para o Pleno dos proxectos e das proposicións de lei que lles corresponden por razón da materia; nelas comparecen membros do Goberno da Xunta de Galicia, ben por petición propia, ben por petición da Comisión, para dar conta ou informar das súas tarefas e dos seus traballos, e poden aprobar resolucións que se debatan no seu seo.

Son tamén comisións permanentes aquelas que se deban constituír por disposición legal, como as seguintes:

  • Do Regulamento, que ditamina a proposta de Regulamento e as reformas que se lle formulen a este.
  • Do Estatuto dos Deputados, que estuda todas as cuestións que afectan a compatibilidade dos deputados e das deputadas.
  • De Peticións, que examinará cada petición individual ou colectiva que reciba o Parlamento de Galicia, para lle remitir a quen corresponda: Valedor do Pobo, Defensor do Pobo, Cortes Xerais, Goberno, tribunais, Ministerio Fiscal ou comunidade autónoma, deputación ou concello pertinentes.

Son tamén comisións permanentes non lexislativas as seguintes:

Por disposición legal:

  • Comisión de Relacións co Consello de Contas
  • Comisión de Control da Corporación da Radio-Televisión de Galicia

Creadas para a correspondente lexislatura (artigo 49.1 do Regulamento)

  • Comisión de Asuntos Europeos

 

O Pleno

O Pleno do Parlamento de Galicia é o órgano supremo da Cámara, no que se debaten en última e definitiva instancia todas as cuestións que son da súa competencia, e está constituído por todos os deputados e deputadas.

Para tomar validamente acordos, o Pleno debe contar coa asistencia de máis da metade dos seus membros.

É convocado polo presidente, por iniciativa propia ou por solicitude de dous grupos parlamentarios ou da quinta parte dos membros da Cámara, e a convocatoria debe fixar a orde do día da reunión.

Os membros do Parlamento ocupan sempre un escano fixo, agrupados segundo o grupo parlamentario ao que pertencen.

Todos os conselleiros ou conselleiras poden asistir e intervir nas sesións aínda que non sexan deputados ou deputadas.

As sesións do Parlamento serán públicas con determinadas excepcións, que se fixan regulamentariamente.

Os acordos serán válidos unha vez aprobados pola maioría simple dos membros presentes do órgano correspondente, sen prexuízo das maiorías especiais que estean establecidas por lei ou polo Regulamento da Cámara. O voto é persoal e indelegable.

 

A Deputación Permanente

A Deputación Permanente velará polos poderes da Cámara cando estea expirado o mandato parlamentario, cando o Parlamento estea disolto, ou non estea reunido por se encontrar fóra dos períodos ordinarios de sesións ou por calquera outra causa de forza maior.

Está presidida polo presidente do Parlamento e constituída por un mínimo de once membros, que representarán a todos os grupos parlamentarios en proporción á súa importancia. A Deputación Permanente débelle dar conta ao Pleno de todas as súas decisións na primeira sesión ordinaria e logo das eleccións ao Parlamento de Galicia unha vez constituído cada catro anos ao inicio da lexislatura.

 

Os grupos parlamentarios

Os grupos parlamentarios son agrupacións de deputados e deputadas que voluntariamente se constitúen ao comezo de cada lexislatura; estes deben constar dun mínimo de cinco membros. Non poderán formar grupo parlamentario separado deputados ou deputadas que pertenzan a un mesmo partido ou coalición electoral.

Os deputados e as deputadas que non sexan membros de ningún dos grupos parlamentarios constituídos poderanse asociar a algún deles e os que non queden integrados pasan a formar parte do Grupo Mixto.

Cada grupo parlamentario ten unha denominación e un portavoz que o representa para todos os efectos. Dispoñen de locais propios e medios materiais no edificio do Parlamento para cumpriren as súas funcións.

 

O sistema de traballo e de decisión

O Parlamento de Galicia adopta as súas decisións logo dunha serie de debates, nos que poden solicitar a palabra para intervir todos os grupos parlamentarios para fixaren a súa posición respecto de calquera cuestión. Os tempos de intervención son amplos para as cuestións máis xerais e globais e reducidos nos asuntos de menor importancia.

Para que o Parlamento poida adoptar validamente a súa decisión cómpre que se atope reunido de acordo co que se establece no Regulamento e coa asistencia da maioría dos seus membros, que no Parlamento de Galicia actual está establecida en trinta e oito deputados ou deputadas. O quórum de decisión ordinaria é da maioría simple, é dicir, que os votos positivos superen os negativos.

Os procedementos de votación son:

  • Por asentimento, cando a proposta non suscita ningunha obxección.
  • Por votación ordinaria, normalmente reflectida por medio de paneis electrónicos, ou levantándose primeiro os que están a favor, despois os que están en contra e finalmente os que se absteñen.
  • Por votación pública por chamamento, que é un procedemento solemne polo que se chama sucesivamente por orde alfabética os deputados e as deputadas, que deberán responder 'si', 'non' ou declarar que se absteñen. Os membros da Xunta de Galicia e da Mesa votan ao final.
  • Por votación secreta, que se poderá facer por procedemento electrónico, coa omisión da identificación dos votantes, ou por papeletas, cando se trate de eleccións persoais ou cando o decida a Presidencia, ou cando estivese especificada esta modalidade na solicitude de voto secreto; neste caso, os deputados e as deputadas son chamados por orde alfabética e depositan nunha urna as papeletas.

 

A función e as competencias lexislativas do Parlamento

Correspóndelle ao Parlamento de Galicia, como primeira e máis característica das súas funcións, o exercicio da potestade lexislativa da Comunidade Autónoma, en virtude da cal aproba as leis.

O Parlamento de Galicia pode lexislar sobre as materias consideradas pola Constitución e polo Estatuto de autonomía como competencia propia ou naqueloutras nas que, en virtude das previsións e cos límites establecidos no artigo 150 da Constitución, as Cortes Xerais lle atribúan á Comunidade Autónoma a facultade de ditar normas lexislativas.

As leis de Galicia son promulgadas, no nome do rei, polo presidente da Xunta de Galicia e publicadas no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

 

Os procedementos lexislativos do Parlamento

Habitualmente as leis nacen dunha proposta que fai o Goberno, que se denomina, neste caso, proxecto de lei; tamén poden nacer dunha iniciativa que fan os deputados e as deputadas ou os grupos parlamentarios, que se chama proposición de lei. Ambos os dous procedementos lexislativos seguen un camiño semellante.

Os propios electores galegos en número mínimo de 10.000, de acordo coas leis establecidas, poden tamén presentar iniciativa lexislativa, que neste caso se denomina proposición de lei de iniciativa popular.

Os proxectos de lei son sometidos a un debate xeral no Pleno da Cámara, denominado de totalidade. No suposto de que se lles presentasen emendas de totalidade, unha vez superado este trámite pasa a ser estudado por unha Ponencia.

A Ponencia estará formada por un deputado ou por unha deputada de cada grupo parlamentario existente na Cámara, e cumpre a misión de analizar o texto e as emendas co fin de elaborar un informe.

Este informe é estudado pola Comisión competente por razón da materia, designada pola Xunta de Portavoces, a cal ten que emitir un ditame, unha vez debatido e votado o texto, artigo por artigo.

O ditame pasa a ser debatido e votado en sesión plenaria, nunha derradeira lectura, onde se fixa o posicionamento dos grupos parlamentarios da Cámara.

No suposto de que o proxecto de lei non pasase o trámite de totalidade, o proxecto de lei devolveríaselle ao Goberno.

As proposicións de lei, ben sexan por iniciativa dun deputado ou dunha deputada coa sinatura doutros catro membros da Cámara, ou de grupos parlamentarios coa sinatura do seu portavoz, ben sexan de inciativa popular, son tamén sometidas a un debate xeral, que neste caso se chama de toma en consideración e, de ser superado, sométese primeiro a un prazo de emendas parciais, antes de que a proposición de lei sexa remitida á correspondente Comisión lexislativa asignada pola Xunta de Portavoces -igual ca os proxectos de lei- e, por último, pasan para aprobación definitiva a unha sesión plenaria final.

Se a proposición de lei non supera o debate de toma en consideración, queda rexeitada, sen máis, nese trámite.

Ademais do procedemento ordinario, o Regulamento do Parlamento prevé procedementos especiais para:

  • As leis de desenvolvemento básico do Estatuto.
  • As leis de orzamentos da Comunidade Autónoma.
  • A aprobación de leis polas comisións con competencia lexislativa plena.
  • As de lectura única, cando a lei é aprobada nunha soa votación.

 

As funcións de creación, control e impulso da acción política do Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia, como representación do pobo galego, vela polo bo goberno da Comunidade Autónoma. Isto significa que esta institución ten facultades para exercer o control, a crítica e a orientación da actuación política e administrativa del.

O Parlamento elixe de entre os seus membros a persoa que, previamente proposta polo presidente ou presidenta da Cámara, exercerá a presidencia da Xunta de Galicia, e aproba e sostén o programa de goberno da persoa candidata.

Disto deriva, en segundo lugar, a función de control que o Parlamento exerce, xa que o presidente ou presidenta da Xunta de Galicia e o seu Goberno son politicamente responsables ante el, e deben dimitir se a Cámara lles nega a confianza.

En todo os casos o Parlamento pode alentar e impulsar a acción política da Xunta de Galicia, orientando e estimulando o Goberno e encomendándolle determinadas actuacións.

Para instrumentar procedementalmente o anterior, existen os seguintes métodos:

O debate para a investidura do presidente da Xunta de Galicia obriga a que a persoa candidata designada polo presidente ou presidenta da Cámara acade o voto favorable da maioría absoluta dos membros do Parlamento, trinta e oito votos, na primeira votación, ou maioría simple na segunda.

O Parlamento de Galicia pode exixir a responsabilidade política da Xunta, do seu presidente ou presidenta e dos conselleiros ou conselleiras mediante unha moción de censura.

A moción deberá ser proposta, polo menos, pola quinta parte (quince membros) dos deputados ou das deputadas en escrito motivado e terá que incluír un candidato a presidente da Xunta. De unha moción de censura recibir o apoio da maioría absoluta dos membros da Cámara, o presidente e o seu Goberno deben cesar, e resulta investido novo presidente ou nova presidenta a persoa candidata proposta.

Tamén o presidente ou presidenta da Xunta de Galicia pode formular perante o Parlamento unha cuestión de confianza sobre o seu programa ou sobre unha declaración xeral, que sometida a votación se entenderá outorgada de obter a maioría simple dos deputados e das deputadas; no caso contrario, a Xunta e o seu presidente ou presidenta cesarán.

Investidura, moción de censura e cuestión de confianza son os instrumentos solemnes cos que o Parlamento de Galicia elixe, controla ou fai que dimita o presidente da Xunta e o seu Goberno.

Tamén, en contrapartida, o presidente ou presidenta da Xunta pode disolver o Parlamento e convocar novas eleccións.

Outras técnicas parlamentarias habituais son as seguintes:

Debates xerais sobre a acción política do Goberno, que teñen lugar, como mínimo, unha vez ao ano; neles interveñen o presidente da Xunta, que expón a actuación do seu Goberno, e todos os grupos parlamentarios, que manifestan o seu posicionamento de crítica ou de apoio ao expresado polo presidente da Xunta. O debate pecharase coa votación de propostas de resolución, nas que o Parlamento fixa as directrices para a acción do Goberno.

As interpelacións, que permiten o debate sobre motivos ou propósitos da actuación do Executivo ou das consellarías, en materia de política xeral ou en cuestións de acentuada relevancia.

As interpelacións poden concluír coa presentación dunha moción, necesariamente congruente coa interpelación, mediante a cal a Cámara manifesta a súa posición respecto da cuestión debatida, e cabe a posibilidade de lle presentar emendas.

Outro tipo de control do Executivo é por medio de preguntas, nas que un membro do Parlamento solicita unha información puntual. Pódese pedir que as preguntas teñan resposta oral en pleno ou en comisión; no primeiro caso, a pregunta non poderá conter máis ca unha concisa e estrita formulación dunha soa cuestión.

De non se indicar outra cousa na formulación da pregunta, enténdese que se solicita para a súa resposta por escrito; neste caso, exíxese resposta dentro dos vinte días seguintes á súa publicación.

Os membros do Goberno, por propia iniciativa ou por petición das comisións, comparecerán en sesións informativas para manifestárense sobre actuacións de orde xeral do seu departamento.

Tamén por acordo da Xunta de Portavoces ou por petición propia os membros da Xunta de Galicia deberán comparecer ante o Pleno ou calquera das súas comisións para informaren sobre un asunto determinado.

O Parlamento pode discutir e aprobar proposicións non de lei, a través das cales se lle formulen propostas de resolución á Cámara, e poden ser tramitadas perante o Pleno ou a comisión competente en función da importancia dos temas obxecto da proposición; a súa tramitación comporta a posibilidade de presentar emendas.

Os textos aprobados constitúen resolucións do Parlamento, mediante as cales este manifesta unha opinión, unha vontade, insta a facer determinadas actuacións ou lle dá o seu apoio a alguén. Estas resolucións non obrigan xuridicamente o Executivo, aínda que, baixo o punto de vista político, si ten importancia o seu incumprimento ante a opinión pública.

 

A función electiva

O Parlamento ten recoñecidos amplos poderes electivos:

  • Elixe a Mesa do Parlamento e as mesas das comisións.
  • Elixe o presidente ou a presidenta da Xunta de Galicia.
  • Designa os senadores ou as senadoras que representarán a Comunidade Autónoma galega no Senado.
  • Elixe e nomea a persoa que debe exercer como Valedor do Pobo.
  • Elixe e nomea os membros do Parlamento que deben defender perante o Congreso dos Deputados as proposicións de lei que o mesmo Parlamento de Galicia presenta.

Diversas leis de Galicia encoméndanlle ao Parlamento a elección da totalidade ou dunha parte dos membros de diversas institucións: Consello de Contas, Consello Universitario, consellos sociais das tres universidades de Galicia, Consello de Administración da Corporación de Radio-Televisión de Galicia e Consello de Bibliotecas.

 

Os procedementos da relación cos órganos estatais

O Parlamento participa en actividades dos órganos centrais do Estado. Así, correspóndelle a designación de senadores ou senadoras que deban representar a Comunidade Autónoma de Galicia no Senado, que a Constitución define como Cámara de representación territorial.

O Parlamento de Galicia ten dereito de iniciativa lexislativa perante o Congreso dos Deputados, pode presentar unha proposición de lei que dea lugar ao nacemento duna lei estatal, e mais o dereito de solicitar do Goberno do Estado a adopción dun proxecto de lei, dos que lles corresponderá a súa tramitación ás Cortes Xerais.

O Parlamento está lexitimado para interpoñer recursos de constitucionalidade contra as normas estatais que afecten o ámbito propio da autonomía de Galicia. Igualmente, pode comparecer nos conflitos de competencia ou encomendarlle á Xunta de Galicia que sexa a que compareza.

O Parlamento de Galicia ten a competencia para solicitar do Estado as transferencias ou delegacións de competencias non asumidas no Estatuto e determinar o organismo ao que se lle debe atribuír en cada caso a competencia transferida ou delegada.

 

A publicidade e o coñecemento do Parlamento

O Parlamento está aberto a todos os cidadáns -coas limitacións impostas pola capacidade das súas instalacións-, que poden asistir ás sesións plenarias ordinarias, as cales son públicas, agás aquelas declaradas secretas, previstas así no Regulamento. Ás sesións das comisións só asisten os representantes dos medios de comunicación social.

O Parlamento de Galicia publica un Diario de Sesións, no que se transcríben literalmente todas as intervencións, os acordos, as incidencias e as declaracións que se producen no Pleno do Parlamento. Para reflectir as incidencias das sesións que teñen lugar nas comisións redáctanse actas nas que se recollen as incidencias máis importantes, en forma de resumo, e nas que figuran debates e votacións.

O Boletín Oficial do Parlamento de Galicia publica todos os documentos parlamentarios que entran na Cámara ou emanan desta, e así permite facer un seguimento de todos os trámites e incidencias sucesivas de calquera proposta ata a súa resolución definitiva.