Pilar Rojo destaca que “con boa vontade e traballo conxunto sí é posible articular vías de cooperación institucional”

 
• Valora a  “enorme transcendencia” do Consello de Contas e do Tribunal de Cuentas como garantes dunha xestión transparente e reitera que os cidadáns reclaman entendemento e colaboración aos poderes públicos
 
• O Parlamento de Galicia foi o escenario da sinatura dun  convenio entre o Consello de Contas e o Tribunal de Cuentas que vai permitir a rendición telemática das contas xerais das entidades locais, evitando duplicidades
 
Santiago, 27 de xuño de 2011.-  “Con boa vontade e traballo conxunto, sí é posible articular vías de colaboración institucional”, afirmou este mediodía a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, no acto de sinatura dun convenio entre o Consello de Contas de Galicia e o Tribunal de Cuentas que vai permitir a rendición telemática das contas das entidades locais da Comunidade Autónoma, evitando duplicidades no proceso de remisión de documentos.
Para Rojo Noguera, o acordo rubricado hoxe “constitúe un exemplo a seguir, tanto polos resultados positivos que se derivarán da súa aplicación, como polo que supón de exemplo de entedemento e colaboración, demandas que con insistencia nos reclaman os cidadáns”.
 
“Os cidadáns esixen e esiximos que a xestión dos fondos públicos sexa cristalina” e tal obxectivo materialízase coa rendición das contas dos entes que integran o sector público. Por iso, en opinión da presidenta do Parlamento de Galicia, o labor que realizan o Consello de Contas e o Tribunal de Cuentas, no seu respectivo ámbito competencial, reviste unha enorme transcendencia.
 
Recomendacións do Parlamento de Galicia
Coa sinatura deste acordo, materialízanse as recomendacións efectuadas neste sentido polo Parlamento de Galicia a través da Comisión Permanente non Lexislativa para as relacións co Consello de Contas.
 
Na súa intervención, a presidenta do Parlamento reiterou  que “nestes momentos difíciles que estamos a vivir, a responsablidade dos xestores públicos adquire especial relevancia”. Por iso, “termos como a eficacia e a eficiencia, e sobre todo a transparencia na actividade pública, deben impoñerse a calquera outra consideración”.
 
Rojo Noguera agradeceu a presenza, neste acto, do presidente do Tribunal de Cuentas, Manuel Núñez Pérez, do que valorou a súa “sensibilidade e comprensión do feito autonómico, un dos piares do Estado”.
 
Mellorar o funcionamento das institucións
“Vostede sabe –agregou a presidenta do lexislativo galego-  que cando existe vontade de colaboración por ambas partes, como sucede neste caso por parte de dous órganos consolidados, as institucións funcionan mellor e responden máis axeitadamente ás necesidades dos cidadáns”.
 
“Se a cooperación entre institucións debe ser sempre unha obriga, moito máis o é en tempos como os actuais”, afirmou Rojo Noguera, convencida de que “a profunda crise que atravesamos converte a cooperación cunha esixencia que debemos cumprir inequivocamente”.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación

Imaxes relacionadas