O responsable de Exteriores de Mongolia Interior confirma o seu interese en establecer canles de cooperación con Galicia

• Mongolia Interior é a rexión chinesa de maior crecemento dos últimos 10 anos
 
Huhhot (China), 21 de xuño de 2011.- O director de Relacións Exteriores do Goberno Autónomo de Mongolia Interior, Yang Yang, confirmou este mediodía á delegación do Parlamento de Galicia que visita esta rexión, respondendo a unha invitación das autoridades chinesas, o interese dese executivo por establecer canles de cooperación con Galicia en ámbitos de interese común para os dous territorios.
 
A delegación da Cámara galega, integrada polo viceportavoz do Grupo Popular, Román Rodríguez; polo voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, acompañados polo director do IGADI e experto en China, Xulio Ríos, celebraron este mediodía unha xuntanza de traballo co responsable de Exteriores da Rexión Autónoma de Mongolia Interior e algúns dos seus colaboradores no que as autoridades deste territorio reiteraron, como xa fixeran previamente en Pekín outros responsables políticos chineses, o seu interese por cooperar con Galicia.
 
Paralelismos
Yang Yang aludiu aos parelelismos netre Galicia e Mongolia Interior en ámbitos como a xestión dos recursos públicos en territorios dispersos, pero tamén prestando atención ás relacións económicas, culturais e académicas.
 
No encontro, Román Rodríguez sinalou que se ben hai grandes diferencias entre Mongolia Interior e Galicia, tamén existen similitudes como o feito de que os dous territorios dispoñan de gobernos autónomos, ou que teñan unha cultura e unha lingua propias, que  poden propiciar o xurdimento de oportunidades para as dúas partes. Tamén enumerou algunhas das vantaxes comparativas que ofrece Galicia, como as súas infraestructuras portuarias, a presenza de entramados industriais en ámbitos como o da automoción, o téxtil e o da madeira, a capacidade de producción látea, o sector pesqueiro e conserveiro, o sistema universitario ou a experiencia de cooperación coa Rexión Norte de Potugal.
 
Pola súa banda, Carlos Aymerich explicou ao responsable de Exteriores de Mongolia Interior que calquera investimento que se efectúe en Galicia presenta vantaxes compativas respecto ao resto de Europa, pero tamén que Galicia pode ser aproveitada de ponte para as relacións con Portugal e con Iberoamérica.
 
Previamente, a delegación do Parlamento de Galicia visitou, seguindo o programa elaborado polos seus anfitrións chineses, a sede da Universidade de Mongolia Interior e a súa biblioteca de libros históricos, as sedes da radio e da televisión da Rexión Autónoma de Mongolia Interior -que dispoñen de varios canles que emiten en mongol e en chinés- e unha factoría de procesamento de productos lácteos posta en marcha recentemente e que pode procesar ata 2.000 toneladas diarias.
 
Nesta factoría, os deputados galegos explicaron o potencial lácteo de Galicia, paro tamén  que nesta Comunidade se atopa algún dos mellores laboratorios europeos de xenética bovina.
 
Rexión líder en crecemento
Mongolia Interior é a rexión chinesa de maior crecemento continuado ao longo dos últimos 10 anos. Cunha poboación total de 23,8 millóns de habitantes (dos que 6 millóns pertencen á etnia mongol), Mongolia Interior ocupa un vasto territorio de 1.183.000 km2 e posúe valiosos recursos minerais, entre outros.
 
 

Imaxes relacionadas