O parlamento chinés interésase polo funcionamento das institucións autonómicas de Galicia

Unha delegación da Cámara galega entrevistouse co presidente, con rango de ministro, da Comisión de Nacionalidades Minoritarias do Parlamento chinés, interesado no papel das autonomías como elemento para o progreso social
 
Pekín, 17 de xuño de 2011.- A delegación da Camara galega que hoxe chegou a China convidada polas autoridades dese país para afondar no coñecemento do sistema de autogoberno e tender pontes co xigante asiático, entrevistouse esta tarde co presidente da Comisión de Nacionalidades Minoritarias da Asemblea Nacional (Parlamento chinés), Wang Jingyu, co que analizaron o funcionamento das institucións autonómicas de Galicia.
 
Os integrantes da delegación galega -Román Rodríguez, viceportavoz do Grupo Parlamentario do PPdeG; Carlos Aymerich, portavoz parlamentario do BNG; e Xulio Ríos, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), experto na  realidade chinesa- abordaron con Wang Jingyu, que ten rango de ministro, o funcionamento do modelo autonómico no que se sustenta o autogoberno de Galicia.
 
Autonomías en China
Ao tempo, o político chinés e varios dos seus colaboradores, explicáronlle á delegación galega as peculiariedades do sistema chinés, no que conviven un total de 155 entes autonómicos de diferente tipo, 5 dos cales -as rexións autónomas- son os que exercen a maior capacidade de autogoberno.
 
A delegación galega continuou o seu traballo cunha reunión co presidente da Academia Chinesa de Ciencias Sociais e un dos seus académicos, un hispanista. Esta sesión de traballo continuará mañá cunha ducia de integrantes da Academia Galega de Ciencias Sociais.
 
A viaxe desta delegación parlamentaria galega responde a unha invitación formulada polas autoridades chinesas, que tamén elaboraron o programa, para afondar no coñecemento do sistema autonómico español, pero tamén para tratar de abrir novas oportunidades para Galicia no campo da economía, as relacións institucionais ou a universidade.
 

Imaxes relacionadas