Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia, 22-03-2011


 
Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia, 22 de marzo de 2011
  
3.1.08/PNP-0946 (56963)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Rodríguez González, Román, e seis deputados máis
  
Sobre a actuación para levar a cabo polo Goberno galego no proceso de negociación dos criterios que se van aplicar respecto da evolución do fondo de subvención fixa previsto no Plan de financiamento universitario 2011-2015
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 396, do 26.01.2011
 
O texto aprobado é o seguinte:
«O Parlamento insta a Xunta de Galicia a liderar o proceso de negociación entre as universidades galegas para definir e acordar criterios estruturais modernos, estratéxicos e de futuro que se aplicarán á evolución do fondo de subvención fixa previsto no Plan de financiamento universitario 2011-2015.
 
Como punto de partida para o debate e o acordo, a CEOU deberá propor unha listaxe de criterios como a existencia de campus de excelencia internacional, o necesario esforzo na captación de recursos externos e a internacionalización das universidades que integran o Sistema Universitario Galego.»
  
3.2. 08/PNP-1012 (59199)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Sánchez Montenegro, Isabel, e Táboas Veleiro, María Teresa
  
Sobre a demanda de modificación polo Goberno central da Lei hipotecaria vixente para regular a dación en pagamento, de xeito que nas situacións de impagamento de hipoteca a débeda contraída coa entidade financeira quede cancelada no momento no que esa entidade quede coa vivenda, mediante un proceso de poxa
Publicación da iniciativa, BOPG núm. 411, do 16.02.2011
  
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento insta a Xunta de Galicia a reclamar do Goberno do Estado a promoción das reformas legais precisas para que, como regra xeral e para debedores de boa fe, coa entrega do inmoble se considere saldada a débeda hipotecaria na súa integridade, cando aquel constituíse a vivenda habitual e única do debedor.»
 
3.6. 08/PNP-1076 (61426)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Balseiro Orol, José Manuel
  
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa penalización imposta pola Comisión Europea ao Goberno español pola superación da cota máxima de captura de xarda que tiña asignada no Cantábrico
Publicación iniciativa vía urxencia, BOPG núm. 427, do 10.03.2011
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para que:
1.— Efectúe os estudos e as alegacións conducentes ao efectivo esclarecemento da orixe da suposta sobrepesca da cota de xarda durante o ano 2010, e os presente perante a Comisión Europea para a reconsideración do disposto no Regulamento (UE) 165/2011.
2.— Demande, no caso de obter resposta negativa, diante da Comisión Europea, unha modificación do Regulamento (UE) 165/2011 co fin de establecer un prazo de dez anos para a compensación da presunta sobrepesca de xarda efectuada durante o ano 2010.
3.— Se dirixa ao Goberno do Estado para que articule, dunha maneira sinxela e clara e de forma coordinada coas comunidades autónomas afectadas, un sistema de control e seguimento de descargas que permita un coñecemento diario do consumo efectuado sobre as diferentes cotas de pesca, especialmente da xarda, asignadas para a frota do Cantábrico noroeste.»
 
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2011
 
 
 
 
 

Imaxes relacionadas