Resolucións do Debate anual de política xeral

     
1.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a reclamar do Goberno de España, o cumprimento do novo sistema de financiamento aprobado pola Ley 22/2009, de 18 de diciembre, por la que se regula el sistema de financiación de las Comunidades Autónomas de régimen común y Ciudades con Estatuto de Autonomía y se modifican determinadas normas tributarias, firmado en comisión mixta, e para os que a Ley 9/2010, de Presupuestos Generales del Estado para 2011, non prevé todos os fondos que lle corresponde a Comunidade Autónoma de Galicia.

En concreto a Xunta de Galicia debe reclamar do Goberno de España 805 millóns de euros polos seguintes conceptos:

1. Statu Quo: 228,81 millóns de euros, polos axustes realizados no fondo de suficiencia firmado na comisión mixta. Unha cláusula de garantía que pretende garantir unha transición dun modelo a outro, se pretende converter, por unha interpretación unilateral, nunha merma de recursos de mais de 200 millóns anuais.

2.- Axustes IVE: 171,61 millóns de euros, que se refiren a presuncións de recadación polos novos tipos de Ive, situación totalmente inaceptable xa que se debe traballar sobre recadacións líquidas definitivas do sistema de financiamento, é dicir nunca antes do 2013.

3.- Anticipo Fondo de Cooperación 2011: 242,65 millóns de euros, que pese a transferirse no 2010, agora o criterio muda de xeito arbitrario.

4.- Anticipo Recursos Adicionais 2010: 162,36 millóns de euros, polos anticipos previstos no Acordo do CPFF e na Lei 22/2009 e que tampouco se fixeron efectivos.


No caso de non chegarse a un acordo coa Administración Xeral do Estado á Xunta reclamará xudicialmente o pagamento das cantidades adebedadas.

Asemade, e dado que o ano que ven acumularanse as liquidacións negativas do 2008 e 2009 por un importe total de 500 millóns de euros, que a Xunta de Galicia continúe demandando que a devolución das devanditas liquidacións negativas se faga nun prazo de dez anos, en lugar dos cinco previstos, coa finalidade de contribuír ao financiamento dos servizos públicos esenciais nun momento de severa crise.

Dacordo cos mecanismos establecidos no Regulamento do Parlamento crearase unha Comisión para o análise do actual sistema de financiamento e, no seu caso, a elaboración das propostas de modificación que se consideren oportunas.”


Aprobada por 50 votos a favor, 0 en contra e 24 abstencións.

(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da proposta núm. 3 do G.P. Popular de Galicia  e a núm.  19 do G. P. do Bloque Nacionalista Galego).


2.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia, dada a reestruturación do mercado financeiro español, insta á Xunta de Galicia a solicitar do regulador:

- Un trato non discriminatorio entre as entidades financeiras, nin pola súa natureza xurídica, nin pola súa procedencia xeográfica.

- Que nas demandas de capitalización solicitadas ás entidades financeiras teña en conta os diferentes graos de saneamento extraordinario efectuados, considerándoo como o verdadeiro sistema de garantías de terceiros.

- Que, sen incrementar o déficit nin a débeda pública, favoreza á mellora da confianza internacional no noso sistema financeiro, reforzando a súa solvencia e facilitando o acceso ó crédito de empresas e familias, utilizando Esquemas de Protección de Activos que permitan a liberación de Activos Ponderados por Risco e acaden unha mellor valoración das entidades que precisen captar capital, en especial de NovaCaixaGalicia.”

Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.

(Resolución resultante da transacción elaborada co G.P. dos Socialistas de Galicia, a partir da  proposta núm. 2 do G.P. Popular de Galicia).


3.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia, co obxectivo de continuar avanzando na mellora da protección dos espazos naturais da nosa Comunidade, insta á Xunta de Galicia a:

-Presentar dentro deste ano unha proposta de ampliación da Rede Natura baseada na Decisión da Comisión de 7 de decembro de 2004 que establecía un conxunto de especies e tipos de hábitats de interese comunitario que requiren unha maior representación.

-Elaborar e presentar o Plan Reitor do Parque Nacional das Illas Atlánticas, como instrumento de planificación que asegure a protección e recuperación dos valores medioambientais compatibilizando a pesca artesanal e as actividades a desenvolver coa conservación.”

Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.

(Resolución resultante da transacción elaborada co G.P. dos Socialistas de Galicia, a partir da  proposta núm. 24 do G.P. Popular de Galicia).


4.ª Resolución

“O Parlamento de Galicia acorda, previo cumprimento dos trámites regulamentarios, a creación dunha ponencia conxunta parlamentaria que elabore un texto conxunto para unha nova Lei do Solo de Galicia con vocación de consenso e de permanencia no tempo.”

Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.

(Resolución resultante da transacción elaborada co G.P. dos Socialistas de Galicia, a partir da  proposta núm. 29 do G.P. Popular de Galicia).


5.ª Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

- Reclamar ao Goberno central que outorgue á Comunidade Autónoma de Galicia plena autonomía na lexislación e na execución das políticas activas de emprego, de tal xeito que a Xunta de Galicia poida deseñar e desenvolver aquelas políticas que mellor se axusten ás necesidades específicas do mercado de traballo galego e, polo tanto, redunden nunha mellora real da empregabilidade dos traballadores e traballadoras galegos.

- Seguir traballando, no marco do Diálogo Social, cos axentes económicos e sociais de Galicia, co obxectivo de continuar alcanzando acordos que redunden na mellora da economía e do emprego da Comunidade Autónoma.”

Aprobada por 50 votos a favor, 24 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 9 do G.P. Popular de Galicia).


6.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar coas medidas para garantir a sostibilidade do sistema público sanitario de Galicia, e a avanzar na prescrición eficiente e o bo uso dos medicamentos. Do mesmo xeito que se dirixa ao Goberno central para que retire o recurso de inconstitucionalidade presentado contra a Lei 12/2010, do 22 de decembro, de racionalización do gasto na prestación farmacéutica da Comunidade Autónoma de Galicia.”

Aprobada por 50 votos a favor, 24 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 17 do G.P. Popular de Galicia).


7.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a apoiar o mantemento da actividade produtiva e manter os postos de traballo da Planta de Clesa en Caldas de Reis, apoiando futuros proxectos que garantan a viabilidade da factoría.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 25  do G.P. Popular de Galicia).


8.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a rematar coa avaliación do V Plan para a igualdade entre mulleres e homes 2007-2010, tendo en conta os indicadores específicos do citado Plan, aportando datos estatísticos sobre os resultados e impacto do mesmo; e a culminar o proceso de elaboración do VI Plan de Igualdade,  que utilice efectivamente os indicadores e os informes analíticos previos. Teña en especial consideración a problemática da violencia de xénero. O  VI Plan deberá contar coa implicación de todos os departamentos da Xunta de Galicia na súa elaboración, e deberá recoller as contribucións das asociacións de mulleres galegas e axentes con implicación na promoción da igualdade e na erradicación da violencia contra as mulleres.”

Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 22 do G.P. Popular de Galicia).


9.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a desenvolver a virtualización de información e servizos na Biblioteca e no Arquivo de Galicia e a impulsar o acceso dixital á información, difusión e venda do libro galego e a promoción e acceso ao libro dixital.”

Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 28  do G.P. Popular de Galicia).


10.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que, no desenvolvemento regulamentario da Lei 9/2010, de 4 de novembro, de augas de Galicia, e de forma específica no relativo ao canon da auga, manteña un tratamento acorde co espírito do lexislador, no referido ás bonificacións, en orde a garantir que non se vexan gravados os usuarios de pozos particulares e das traídas veciñais dacordo coas peculiaridades e especificidades que concorren nelas.”

Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 32 do G.P. Popular de Galicia).


11.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia, tendo en conta que o Estado non cumpre coas súas obrigas de financiamento que a Lei da Dependencia lle impón, insta á Xunta de Galicia a que demande do Goberno central o cumprimento do disposto na Lei de Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, en relación ao seu financiamento e aporte o 50 % do custo de aplicación desa lei na Comunidade Autónoma de Galicia.”

Aprobada por 38 votos a favor, 24 en contra e 12 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 19 do G.P. Popular de Galicia).


12.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a negociar no marco do Dialogo Social a posta en marcha dun Plan de mellora da empregabilidade dos menores de 30 anos e daqueles desempregados que levan mais dun ano sen ningunha acción dos servizos públicos de emprego, reforzando os programas de orientación.”

Aprobada por 38 votos a favor, 24 en contra e 12 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 33 do G.P. Popular de Galicia).


13.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno do Estado a defensa diante dos foros decisores europeos do establecemento de TAC e cotas acordes coas disposicións de recursos mariños e tendo en conta os condicionantes sociais e económicos das pesquerías.


Para elo establecerase unha vía de coordinación coas entidades de investigación mariña autonómicas e estatais para o desenvolvemento de estudios de dinámica de poboacións das principais especies obxecto de explotación pesqueira, de maneira que España poda liderar diante de Europa a vía de determinación da situación real destas especies e, consecuentemente, dos TAC e cotas.”

Aprobada por 38 votos a favor, ningún en contra e 35 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 26  do G.P. Popular de Galicia).


14.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia, co obxectivo de continuar avanzando na promoción do I+D+I no noso tecido produtivo, insta á Xunta de Galicia a:

- Convocar proxectos de I+D de alto impacto en colaboración con empresas-centros de investigación, tomando como base o Fondo Tecnolóxico.

- Acadar convenios co Goberno central de cara a desenvolver a Estratexia Estatal de Innovación.

- Crear, ao longo do ano 2011, un Fondo de Capital Risco para apoiar o desenvolvemento e crecemento de empresas galegas de base tecnolóxica.”

Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 6  do G.P. Popular de Galicia).


15.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan de apoio o emprendemento que facilite a realización de novos proxectos empresariais a través da xeración de programas e iniciativas que apoien o desenvolvemento de emprendemento, propicie a creación de redes entre os diferentes actores económicos (Universidades, Cámaras de Comercio e Organizacións Empresariais, etc.), que facilite servizos especializados e os instrumentos de financiación que posibiliten a creación de novas empresas e a consolidación das xa existentes.”

Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 7 do G.P. Popular de Galicia).


16.ª  Resolución

“Co fin de facilitar o acceso dende o fogar ás máximas potencialidades das novas tecnoloxías, o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

- Continuar a aplicación do Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013 co obxectivo de incrementar en 2011 do 72 ao 84% a poboación con cobertura de banda larga e incorporar outros 240.000 galegos ás redes de 100 megas.

- Que inicie as conversas oportunas tendentes a recabar do -Ministerio de Industria o financiamento preciso para a reasignación e instalación dos novos múltiplex dixitais da TDT na rede de extensión de cobertura rural de Galicia, como consecuencia do reordenamento do espectro radioelétrico que está realizar a Administración do Estado”.

- Que impulse a posta en marcha do Fogar Dixital Sociosanitario, achegando a través das novas tecnoloxías estes servizos públicos aos fogares galegos, incentivando os procesos de innovación para o desenvolvemento de solucións diferenciais e con vantaxes competitivas,que contribúan ao empuxe do sector TIC en Galicia.

- Que estableza unha Certificación en Competencias Dixitais en Ofimática que permita acreditar, ante calquera instancia pública ou privada, os seus coñecementos e aptitudes neste campo.”

Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 8  do G.P. Popular de Galicia).


17.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a Fomentar e impulsar as medidas de apoio ao autoemprego, así como aos autónomos e cooperativas, en liña co obxectivo de apoiar a dinamización económica da nosa comunidade, moi vinculada ás pequenas e medianas empresas, así como as fórmulas da economía social que cumpren o dobre obxectivo de xerar emprego e dinamizar o territorio, e que teñen mostrado a súa resistencia fronte á crise.”

Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 10  do G.P. Popular de Galicia).


18.ª Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que, no actual escenario de continuas alzas dos derivados do petróleo, ademais de promover o emprego de enerxías alternativas, se aceleren as negociacións e trámites precisos para a posta en marcha dos plans de transporte metropolitano das grandes cidades que aínda non dispoñen del, co fin de estender as súas vantaxes económicas ao contorno das sete grande urbes e proporcionar unha medida de eficacia probada para combater os elevados consumos derivados do emprego dos vehículos privados e mellorar a calidade do aire neses ámbitos.”

Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 31 do G.P. Popular de Galicia).


19.ª Resolución

“O Parlamento de Galicia, insta á Xunta de Galicia a seguir mantendo unha política de apoio aos cidadáns galegos residentes no exterior, especialmente a aqueles en situación de risco de exclusión social, e cunha especial sensibilidade cara aos maiores, mulleres e xuventude galega no exterior.

Así mesmo se insta ao Goberno de Galicia a manter o apoio necesario ás Comunidades Galegas no Exterior para que poidan seguir mantendo os lazos sociais e culturais con Galicia.”

Aprobada por 62 votos a favor, 12 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 34  do G.P. Popular de Galicia).


20.ª Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

- Elaborar un Plan de Actuación con relación ao seguimento do Plan Estratéxico de Galicia
- Presentar a actualización do Plan estratéxico 2010-2014, horizonte 2020, dacordo coas recomendacións realizadas polo Parlamento de Galicia, en particular actualizando o escenario financeiro e mellorando os indicadores de contexto

Todo elo co obxectivo final  de comezar a dispor non soamente de instrumentos e sistemas de orzamentación por obxectivos, senón de introducir métodos e instrumentos de análise e avaliación das políticas públicas a partires de 2013.”

Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 4  do G.P. Popular de Galicia).


21.ª Resolución

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a potenciar o proceso de internacionalización a través da reestructuración do IGAPE como axente dinamizador da economía galega, principalmente a través da prestación de servizos de calidade ás empresas, a sensibilización e formación sobre o potencial dos diferentes mercados exteriores e o reforzo da nosa posición internacional dende a Rede de Plataformas Empresariais no Exterior, co obxectivo de que 700 PEMES comecen a exportar, incrementando 3.000 millóns de euros as exportacións galegas, co obxecto de que se poida acadar a cifra de 20.00 novos empregos.”

Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 5  do G.P. Popular de Galicia).


22.ª Resolución

“O Parlamento de Galicia, co obxectivo de continuar avanzando na racionalización da Administración institucional e do gasto, tarefa na que Galicia xa é un referente no Estado, insta á Xunta de Galicia a:

- Iniciar, no ano 2011, a negociación de propostas de contratos-programa, cómo fórmula máis acaída para mellorar o rendemento en base ao traballo por obxectivos, naqueles organismos sometidos a recomendacións de mellora segundo o disposto no Primeiro Plan de avaliación de organismos dependentes da Xunta de Galicia”.

- Iniciar, no ano 2011, os traballos de avaliación dos restantes entes que conforman a denominada Administración Paralela necesarios para aprobar, dentro do mesmo ano, o Segundo Plan de Avaliación dos entes instrumentais do sector público.”

Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 11 do G.P. Popular de Galicia).


23.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a liderar estratexias que redunden na mellora da calidade no ensino e na necesaria adaptación aos novos tempos dun mundo cada vez máis globalizado, facéndoas compatibles coa mellora da xestión e a consecución do equilibrio no uso e rendemento dos recursos.

Para acadar estes obxectivos:

- Afondarase na aposta pola integración das TIC no sistema educativo galego, duplicando no vindeiro curso os alumnos que estuden contidos dixitais a través de ordenadores públicos, ata superar os 31.000 alumnos

- Ampliaranse as iniciativas orientadas á promoción da aprendizaxe de idiomas.

- Incrementaranse as actuacións orientadas a mellorar as competencias en comprensión lectora das alumnas e alumnos, a través do respaldo ás bibliotecas escolares como espazos para a aprendizaxe.”

Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 13  do G.P. Popular de Galicia).


24.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia, como parte dunha estratexia de desenvolvemento baseado no investimento en capital humano, e co fin de continuar mellorando as oportunidades de formación insta á Xunta de Galicia a:

- Establecer as estratexias e mecanismos necesarios para potenciar e facer máis atractiva á formación dos máis novos e das persoas adultas, co obxectivo de dotalos de coñecementos e competencias que lles permitan desenvolverse nos ámbitos persoal e laboral.
- Continuar coa aposta pola Formación Profesional para dotar ás persoas da formación e cualificación necesaria para incorporarse con garantías aos postos de traballo no sistema produtivo de Galicia, poñendo en marcha ofertas innovadoras conforme ás demandas do sistema socio-produtivo de Galicia, incrementando a rede de centros integrados de formación profesional, integrando as diferentes ofertas de formación, potenciando a cultura do emprendemento desde o sistema de educación e formación e proporcionando aos futuros traballadores/as as competencias e habilidades necesarias para previr os riscos laborais e profesionais
- Potenciar o Sistema Universitario de Galicia propiciando a a incorporación ao ensino universitario de perfís profesionais de futuro e vencellados aos sectores estratéxicos do país.
- Traballar no marco do Acordo de financiamento universtario para lograr o obxectivo de que en 2015 as achegas as universidades acaden o 1% do PIB.”

Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 14 do G.P. Popular de Galicia).


25.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a seguir incrementando a dotación de prazas públicas do sistema galego de benestar, e nomeadamente:

- Manter, pese ao escenario actual de restricción económica, o esforzo actual na posta en marcha de prazas públicas na Rede Galega de Escolas Infantís, que deberá ter como consecuencia, ao remate do 2013, a consecución por parte da Comunidade Autónoma da ratio de cobertura recomendada pola Unión Europea de 33 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos por cada 100 nenos e nenas.

- Manter, pese ao escenario actual de restricción económcia, o esforzo actual na posta en marcha de prazas públicas na rede de centros de atención ás persoas maiores e ás persoas con discapacidade, de acordo coa planificación e o estudo de necesidades recollido no Mapa de Infraestruturas Sociais de Galicia.”

Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 20  do G.P. Popular de Galicia).


26.ª Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a elaborar unha nova Lei de Inclusión Social de Galicia, que reflicta as consideracións e recomendacións máis modernas e actualizadas en materia de inclusión no eido nacional e internacional, baseada nunha perspectiva multidimensional, e que poña todas as ferramentas da Administración Autonómica, no eido social e no eido do emprego, ao servizo dunha inclusión real, superando así o escenario dos subsidios.”

Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 21 do G.P. Popular de Galicia).


27.ª Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a convocar aos representantes dos concellos de deputacións, unha vez constituídas as novas corporacións tras o proceso electoral do 22 de maio, para chegar a novos acordos que permitan mellorar a eficiencia nos investimentos e na prestación dos servizos públicos, evitando as duplicidades e garantindo a disciplina orzamentaria nas administracións públicas galegas.”

Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 37 do G.P. Popular de Galicia).


28.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia, co fin de reforzar o Estado das Autonomías, os elementos vertebradores que conforman a vontade común nun Estado descentralizado politicamente, a cohesión social, e a clasificación competencial que evite duplicidades de gasto e a defensa dos intereses económicos de Galicia en Europa, insta á Xunta de Galicia a:

- Participar e impulsar activamente a creación da Conferencia de Presidentes das Comunidades Autónomas, como Foro no que as estas, ao seu máximo nivel de representación, poñan en común as posicións para a defensa dos intereses compartidos de todas as Comunidades Autónomas e a fixación de posturas comúns para a súa defensa perante a Administración do Estado.

- Dirixirse ao goberno do Estado para demandar a axilización de todas as accións encamiñadas a acadar – para Galicia – o traspaso das competencias que dende o inicio desta VIIIª Lexislatura lle foron solicitadas dende a Xunta de Galicia ao Ministerio de Política Territorial y Administración Pública.

- Seguir defendendo, perante as institucións comunitarias e as demais organizacións rexionais europeas das que forma parte, o establecemento dunha axuda transitoria  suficiente para as rexións que abandonan o obxectivo converxencia no próximo marco orzamentario que comeza en 2014, de xeito que Galicia non vexa reducida abruptamente a recepción dos fondos comunitarios e poida consolidar os avances e os investimentos realizados nos últimos anos.”

Aprobada por 38 votos a favor, 36 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 36  do G.P. Popular de Galicia).


29.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a presentar un proxecto de Lei de disciplina orzamentaria. A finalidade desta Lei será establecer un marco normativo que permita garantir a sostibilidade financeira ao longo prazo das finanzas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.  Establecerase un procedemento para garantir a capacidade de financiamento dos compromisos de gasto presentes e futuros.”

Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 1  do G.P. Popular de Galicia).


30.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia, co obxectivo de acadar unha maior garantía dos dereitos dos galegos referidos ao servizo público da administración da Xustiza e da seguridade cidadá, insta á Xunta de Galicia a:

- Promover programas de mediación e resolución extraxudicial dos conflitos, estendendo as experiencias de mediación intraxudicial no ámbito de familia e potenciando a mediación xuvenil de xeito que se acade o 40% de solucións extraxudiciais entre menores infractores.

- Continuar promovendo en 2011 o desenvolvemento e execución do Plan de Infraestruturas Xudiciais, procurando a necesaria colaboración dos concellos, administracións responsables da cesión de locais ou parcelas acaídas para a construción dos novos edificios xudiciais.

- Presentar no ano 2011 o novo mapa das emerxencias de Galicia baseado en criterios de eficiencia e eficacia na resposta ás emerxencias na nosa comunidade, en colaboración e co consenso da Fegamp, e de acordo co previsto no Pacto Local.”

Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 12 do G.P. Popular de Galicia).


31.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a afondar na protección e fomento da lingua galega a través de novas liñas de actuación orientadas a diferentes sectores da sociedade galega e a aqueles ámbitos sociais, institucionais e económicos que se consideren como estratéxicos.

Para acadar eses obxectivos, proponse:

- Definir e promover accións encamiñadas ao fomento e uso do galego nos diferentes ámbitos da Administración autonómica, para asegurar o cumprimento da lexislación lingüística e garantir o respecto das opcións lingüísticas da cidadanía, así como a procurar accións dirixidas a que o galego sexa lingua habitual nas relacións internas, nas relacións entre as administracións e nas relacións da Xunta coa cidadanía.

- Seguir desenvolvendo liñas de actuación a favor da lingua galega que contribúan a aumentar significativamente o seu prestixio social, tanto mediante iniciativas directas como a través de mecanismos de cooperación e colaboración coas iniciativas políticas e sociais que sexan precisas. Con esa finalidade poñeranse en marcha iniciativas para aumentar a calidade e o prestixio social do galego na forma da lingua, no seu status e funcións, e na súa aprendizaxe.

- Avanzar na coordinación e no impulso das actuacións en materia de dinamización da lingua galega en colaboración coas entidades municipais. Con este obxectivo, desenvolveranse medidas que reforcen o apoio e a cooperación coas entidades locais de Galicia para potenciar o uso do galego por parte destas entidades e nas súas relacións coa cidadanía.”

Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 15  do G.P. Popular de Galicia).


32.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia, co obxectivo de continuar aplicando medidas para a mellora da calidade asistencial, insta á Xunta de Galicia a:

- Presentar ante esta cámara un anteproxecto de lei de garantías de prestación sanitaria no 2011, para garantir os tempos de resposta, a liberdade de elección e a segunda opinión médica. O financiamento para esta medida son os 243 millóns de euros do Fondo de Cooperación que lle corresponden a Galicia en virtude do modelo de financiamento.

- Continuar coa mellora das nosas infraestruturas sanitarias hospitalarias.

- Continuar a renovación das infraestruturas de atención primaria, construíndo 19 novos centros de saúde na Comunidade Autónoma.”

Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 16 do G.P. Popular de Galicia).


33.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar coa xestión rigorosa e eficiente, para contribuír á sostenibilidade do sistema sanitario:

- Desenvolver sistemas baseados nas novas tecnoloxías da información e comunicación que permitan unha atención de calidade, evitando desprazamentos e probas innecesarias para os pacientes.

- Poñer en marcha un plan de eficiencia enerxética nos hospitais.

- Crear unha plataforma loxística centralizada para Galicia, que inclúa os procesos de almacenaxe, preparación de pedidos e subministro a punto final de consumo de material funxible sanitario e non sanitario.

- Potenciar o modelo de compra centralizada.

- Impulsar a xestión integral do transporte sanitario de Galicia.

- Desenvolver un cadro de mandos integral para toda a organización que permita a avaliación homoxénea e continua das actividades realizadas a todos os niveis.”

Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 18  do G.P. Popular de Galicia).


34.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a elaborar un marco normativo que favoreza o desenvolvemento do potencial das terras, e concretamente a:

- Presentar unha nova Lei de mobilidade de terras que corrixa as deficiencias da vixente Lei do Banco de Terras de Galicia.

- Tramitar un proxecto de Lei de Concentración Parcelaria adaptada as esixencias do novo marco legal existente e que permita dotarlle a Comunidade Autonóma dun instrumento para dar axilidade aos procedementos de concentración parcelaria e mellorar as condicións das explotacións agrogandeiras existentes en Galicia.

- Presentar un proxecto de Lei de Montes como instrumento para sacar o máximo partido á riqueza forestal de Galicia.”

Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 23  do G.P. Popular de Galicia).


35.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar a liña de traballo e a establecer todas cantas fosen necesarias para a articulación de medidas conducentes á realización dunha práctica comercial e transformadora que asegure a sostibilidade da cadea mar – industria.

Para elo aprobarase un marco normativo que determine as mellores pautas de comercialización, con atención especial na primeira venda e no control e trazabilidade dos productos xerados e desembarcados na nosa comunidade, a continuidade do desenvolvemento das campañas promocionais de productos do mar, con especial énfase na diferenciación e identificación dos productos do mar de Galicia e no freo daqueles acordos comerciais que poidan ofrecer risco laboral e económico para a cadea mar – industria.”

Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 27  do G.P. Popular de Galicia).


36.ª  Resolución

“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a presentar no ano actual un Proxecto de  Lei de Vivenda adaptada á plural realidade do territorio galego e axustada ás demandas e necesidades da sociedade galega actual.”

Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 30  do G.P. Popular de Galicia).


37.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno do Estado para demandar o efectivo cumprimento do Pacto do Obradoiro. Respecto da chegada da Alta Velocidade a Galicia, e en particular a licitación no mes de marzo dos treitos que restan para conectar Ourense e Galicia con Madrid, evitando incrementar a demora no compromiso asumido no citado acordo. Así como proceder a adxudicación do contrato unha vez cumprimentados os trámites necesarios e en todo caso antes de que remate o ano 2011.”

Aprobada por 38 votos a favor, 12 en contra e 24 abstencións.

(Proposta de resolución núm. 35  do G.P. Popular de Galicia).


38.ª  Resolución

“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a presentar no Parlamento de Galicia, ao menos de xeito anual, un informe sobre o grao de cumprimento dos plans de industrialización derivados do concurso de adxudicación de parques de xeración eólica, indicando investimentos postos en marcha ou prazos reais para a súa execución, así como traballadores contratados a tempo completo ou equivalentes.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da  proposta núm. 20 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


39.ª  Resolución

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a  facilitar a comparecencia dos membros do Goberno galego por solicitude dos grupos parlamentarios, conforme establece o Regulamento da Cámara.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da  proposta núm. 109 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


40.ª  Resolución

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a seguir mantendo o principio de construír todas as novas vías de alta capacidade libres de peaxe.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da  proposta núm. 152 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


41.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a remitir, dentro do próximo período de sesións, á Cámara galega o calendario lexislativo en relación aos proxectos de lei que ten previsto aprobar na presente lexislatura.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da  proposta núm. 238 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


42.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia reinvidica o carácter estratéxico do AVE galego dentro da rede de alta velocidade ferroviaria de España así como a da conexión con Portugal.”

Aprobada por 62 votos a favor, ningún en contra e 12 abstención.

(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da  proposta núm. 141 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


43.ª  Resolución

“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a negociar coa Administración Central unha modificación dos criterios de reparto e a contía do Fondo de Compensación Interterritorial. Dita revisión deberá proporcionar ás comunidades que, como Galicia,  presenten un PIB per cápita por debaixo da media española, unha dotación que permita compensar a diminución de fondos procedentes da Unión Europea, garantindo a discriminación positiva que facilite o proceso de converxencia.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 10 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


44.ª  Resolución

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a fomentar o incremento dos grupos de investigación de excelencia, propiciando a mobilidade dos nosos investigadores e impulsando a atracción de equipos de investigación estranxeiros e a internacionalización dos nosos  investigadores.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 42 do G.P. dos Socialistas de Galicia ).


45.ª  Resolución

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a crear en Vigo, nos terreos da antiga E.T.E.A., o coñecido como “campus do mar” que acolla os centros de investigación relacionados co mar, no que participen os gobernos da Administración Xeral do Estado e o Autonómico, o Concello de Vigo e as Universidades galegas.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 43 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


46.ª Resolución

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a  garantir que todos os proxectos de lei presentados no Parlamento de Galicia contarán cos informes preceptivos e vinculantes establecidos legalmente.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 113 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


47.ª Resolución

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a potenciar a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteriza Galicia-Norte de Portugal e o seu impulso como espazo de encontro e de acordos que beneficien os intercambios culturais,  empresariais e sociais entre ambos territorios.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 119 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


48.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a aprobar e tramitar, pola vía parlamentaria no presente período de sesións,  o VI Plan Galego de Igualdade entre Mulleres e Homes, tendo en conta que rematou a vixencia do anterior no ano 2010.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 125 do G.P. dos Socialistas de Galicia).

49.ª Resolución

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:seguir apostando pola implantación do Transporte Metropolitano de Galicia que foi deseñado no seu día para crear unha rede coordinada de transporte colectivo de calidade, asentada en parámetros mensurables como a fiabilidade, un sistema puntual que xere confianza no usuario e posibilite a súa fidelización; a información completa dos clientes ás posibilidades de desprazamento en tempo real; a accesibilidade dos medios de transporte aos lugares onde está a demanda e aos destinos máis importantes, e as melloras na confortabilidade da flota de vehículos que prestan o servizo.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 143 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


50.ª Resolución

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a establecer un compromiso coas universidades integrantes do sistema universitario de Galicia polo que as achegas autonómicas ás mesmas ascenderán progresivamente ata superar o 1% do produto interior bruto no exercicio 2015.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 176 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


51.ª Resolución

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a comprometerse cos proxectos de excelencia Campus Vida, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, e Campus do Mar, liderada pola Universidade de Vigo, por medio de partidas orzamentarias específicas, negociadas coas devanditas institucións, así como a apoiar o que poida presentar a Universidade de A Coruña.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 177 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


52.ª Resolución

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a  comprometerse  ó mantemento do mapa sanitario cas actuais areas  sanitarias.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 188  do G.P. dos Socialistas de Galicia).


53.ª  Resolución

“O Parlamento galego insta ao goberno  de Galicia a abonar de inmediato os gastos correspondentes ás retribucións e custes das /dos profesionais incluídos na Quenda de Oficio e nas gardas de asistencia.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 207 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


54.ª  Resolución

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a  elaborar e presentar ante o Parlamento de Galicia  o II Plan Galego de Seguridade Viaria para seguir loitando dende a participación e a colaboración interadministrativa, por condutas e aptitudes que erradiquen a sinestralidade nas nosas estradas.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 211 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


55.ª  Resolución

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a presentar semestralmente no Parlamento e facer público, un informe sobre o estado da acción exterior en relación coa Unión Europea, explicitando as xestións ante as institucións comunitarias, a participación nos organismos multilaterais e a presenza no Comité das Rexións. Igualmente incluirá os obxectivos da Xunta para o período da seguinte presidencia europea.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 217 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


56.ª Resolución

“O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a elaborar e aprobar un novo proxecto de lei do xogo de Galicia, adaptado ó novo marco regulador que se está a tramitar a nivel estatal, establecendo, no seu caso, medidas lexislativas de protección de colectivos máis sensibles coma son os menores e as persoas con hábitos  irregulares de xogo insertos nas condutas de ludopatía.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 236 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


57.ª Resolución

“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia rexeitar calquera fórmula de copago para o financiamento dos servizos de atención sanitaria.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 239 do G.P. dos Socialistas de Galicia).


58.ª Resolución

“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a definir un espazo de libre decisión en materia marítima e pesqueira, demandando a transferencia a Galicia das seguintes competencias:

Navegación marítima e mariña mercante.

Portos de interese xeral do Estado radicados en Galicia: Vigo, Marín, Vilagarcía de Arousa, Ferrol e San Cibrao.

-Investigación oceanográfica.
-Investigación hidrográfica.
-Inspección de buques.
-Control de importacións.
-Determinación de tallas mínimas.
-Dominio público marítimo terrestre.
-Mar territorial (12 millas).”

Aprobada por 50 votos a favor, 24 en contra e ningunha abstención.

(Resolución resultante da transacción elaborada a partir da  proposta núm. 45 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


59.ª  Resolución

“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a remitir ao Parlamento no prazo de tres meses un informe acerca da marcha en Galicia da nova oficina xudicial así como dun cronograma completo no que se conteñan as previsións de prazos e medios para completar a súa total implantación.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 10  do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


60.ª  Resolución

“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a elaborar e remitir ao Parlamento, antes da finalización deste período de sesións, un informe sobre o estado da execución do plan de implantación das tecnoloxías da información na administración de xustiza e das previsións para a súa finalización no que se contemplen prazos e previsións orzamentarias para a súa execución.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 12 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


61.ª Resolución

“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a elaborar e remitir ao Parlamento, antes da finalización deste período de sesións, un informe sobre o estado de execución do plan de infraestruturas xudiciais no que se contemplen as actuacións xa realizadas así como as previsións das próximas actuacións con mención expresa de priorización, prazos e recursos orzamentarios que se destinarán a tal fin.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 13 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


62.ª Resolución

“O Parlamento Galego insta ao Goberno Galego para que actúe contra as prácticas restritivas da competencia, realizadas polas operadoras de hidrocarburos en Galicia.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 15 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


63.ª  Resolución

“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a iniciar, antes de que remate o actual período de sesións, unha negociación co Estado para que os proxectos e fundos estatais destinados á localización empresarial que son empregados en Galicia sexan xestionados polo Goberno Galego.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 27 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


64.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a adoptar as medidas precisas que impidan que o actual proceso de regularización de embarcacións de baixura en Galicia supoña unha redución no número de unidades operativas.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 47 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


65.ª  Resolución

“O Parlamento insta a Xunta de Galicia para que inicie as negociacións co Goberno do Estado para o traspaso da inspección de traballo e a elaboración de plans de incremento da actuación contra a fraude laboral.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 74 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


66.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta ao goberno galego a presentar, antes de que remate o actual período de sesións, o Plan galego de acción fronte ao cambio climático con compromisos concretos de reducción de emisión de gases efecto invernadoiro, medidas para mellorar a calidade atmosférica e coa suficiente dotación orzamentaria.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 96 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


67.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta ao goberno galego a crear unha area especifica de xestión para a seguridade viaria en Galicia dentro da nova axencia galega de infraestructuras.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 130 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


68.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta ao goberno galego a realizar un estudo das areas  residenciais lindeiras as vías de alta capacidade da rede autonómica galega e que presentan altos índices de contaminación por ruído, co fin de instalar pantallas acústicas.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 132 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


69.ª  Resolución

“O Parlamento galego insta ao Goberno galego a garantir que non se incorporará o copago para a cidadanía galega en ningún servizo sanitario público, incluído o transporte sanitario.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 144 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


70.ª  Resolución

“O Parlamento insta á Xunta de Galicia a realizar unha verdadeira reorganización da Formación Profesional que sexa a clave para a reactivación económica de Galicia. Establecerase unha oferta pública axeitada dos Ciclos Formativos de grado medio e superior. Nos centros públicos establecerase a posibilidade de que poida existir máis dun grupo por ciclo se a demanda o esixe.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 174 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


71.ª  Resolución

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a mellorar a dotación do Hospital da Barbanza, a fin de incrementar a calidade da atención sanitaria neste ámbito, executando un plan específico de redución das listas de agarda –priorizando as especialidades máis saturadas como xinecoloxía-, construíndo a unidade de Saúde Mental e creando a categoría de celadores no mesmo.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 213 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).

 

72.ª  Resolución

“O Parlamento Galego insta ao Goberno Galego a dirixirse ao Goberno do Estado para aprobar unha nova Lei de Financiamento Local, que teña en conta aspectos como a dispersión xeográfica, a idade da poboación e os niveis de renda cun maior peso na definición do financiamento local.”

Aprobada pola unanimidade das 74 deputadas e deputados presentes.

(Proposta de resolución núm. 218 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).


73.ª  Resolución

“O Parlamento insta a Xunta de Galiza para lograr que:

a) Mantendo unha posición de diálogo e construtiva, na comisión de seguimento sobre o impacto do decreto do carbón no funcionamento das centrais térmicas galegas e na economía das comarcas afectadas haxa unha representación do Goberno galego e das centrais sindicais máis representativas nestas comarcas.

b) Sexan revisados os contidos do Decreto do carbón para evitar os graves prexuízos que a aplicación do mesmo terá na xeración eléctrica das centrais térmicas alimentadas co carbón de importación e na economía das comarcas onde estas centrais están implantadas.

c) Distribuír de xeito equitativo a redución na produción que implica a cota reservada á produción eléctrica resultado da combustión do “carbón autóctono”, entre todas as tecnoloxías de xeración e non so entre as centrais térmicas alimentadas por carbón de importación e as centrais de ciclo combinado.

d) Nas solucións propostas para eliminar dito impacto se teña en conta a singularidade das comarcas mineiras galegas de As Pontes e Meirama e na definición dos contidos recolla as accións necesarias para o seu desenvolvemento integral e sostíbel.”

Aprobada por 50 votos a favor, 24 en contra e ningunha abstención.

(Proposta de resolución núm. 37 do G.P. do Bloque Nacionalista Galego).

 

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2011

 


Pilar Rojo Noguera
Presidenta


Imaxes relacionadas