O Parlamento de Galicia convoca un concurso escolar para animar aos rapaces a afondar nos valores democráticos

• Pilar Rojo presentou o certame no que os escolares  poderán participar con debuxos, redaccións e mesmo calquera traballo creativo realizado servíndose das novas tecnoloxías
 
• Fíxanse premios para cada alumno gañador, o profesor responsable, os compañeiros da clase e o colexio para fomentar a corresponsabilidade e o traballo en equipo
 
• Os colexios están recibindo estes días as bases da convocatoria, que estará aberta ata o vindeiro 29 de abril
 
• Pilar Rojo anima a escolares e profesores a participar no concurso e a interesarse polo funcionamento do Parlamento de Galicia, a casa de todos as galegas e os galegos, incluídos os máis novos
 
 
Santiago, 11 de marzo de 2011.- O Parlamento de Galicia vén de convocar un concurso escolar no que poderán participar todos os rapaces que cursan ensinazas obrigatorias na Comunidade Autónoma co obxectivo de impulsar o coñecemento dos valores democráticos e o funcionamento da Cámara lexislativa galega.
 
A presidenta do lexislativo galego, Pilar Rojo Noguera, presentou hoxe as bases deste concurso, que xa se enviaron aos centros, de xeito que os participantes dispoñan de dous meses para elaborar o traballos. O prazo de presentación de orixinais para este concurso remata o próximo 29 de abril.
 
Pilar Rojo explicou que con este concurso, o Parlamento de Galicia pretende facerse máis visible entre os escolares galegos, dado que eles representan o futuro, ao tempo que se pretende suscitar o interese dos máis novos polo funcionamento e o papel das institucións sobre as que se configura o sistema democrático.
 
Este concurso escolar complementarase cun ciclo de charlas que se celebrarán nos institutos para alumnos de bacharelato e que serán ofrecidas por integrantes da Asociación de exparlamentarios do Parlamento de Galicia.
 
A titular do Lexislativo insistiu en convidar a todos os escolares galegos, e tamén aos seus profesores, a participar no concurso e animounos a interesarse polo funcionamento do Parlamento de Galicia, a casa de todos os galegos, incluídos os máis novos, algúns dos cales serán deputadas e deputados no futuro.
 
Modalidades
O concurso escolar presentado hoxe estrutúrase en tres modalidades:
• Concurso de debuxo, dirixido ao alumnado de 1°, 2°, 3º  e 4° de primaria.
• Concurso de redacción, dirixido ao alumnado de 5.° e 6° de primaria e 1° e 2.° da ESO.
• Concurso de expresión libre, dirixido ao alumnado de 3° e 4.° da ESO. Esta modalidade está aberta a calquera tipo de expresión creativa, como redacción, debuxo e pintura, fotografía, vídeo ou calquera outro traballo realizado servíndose das posibilidades das novas tecnoloxías.
En cada unha das modalidades a concurso, o xurado tamén seleccionará cadanseu finalista.
Cada un dos gañadores recibirá como premio un ordenador e un lote de libros. Os finalistas serán obsequiados cun lote de libros e un equipo portátil de audio.
 
Corresponsabilidade e traballo en equipo
Para fomentar a corresponsabilidade e o traballo en equipo, o Parlamento de Galicia ten previsto galardoar tamén á clase de cada un dos gañadores cunha excursión de carácter educativo para visitar un lugar significativo de Galicia, na data que decida o centro.
 
O centro escolar do gañador de cada modalidade recibirá un equipo completo de encerado dixital; mentres que o profesor  ou profesora de cada un dos gañadores terá un ordenador portátil.
 
Os premios entregaranse nun acto a celebrar no Parlamento de Galicia ao que serán convidados os colexios participantes no concurso.
 
Xurado institucional
O xurado encargado de seleccionar os gañadores de cada modalidade estará integrado polos integrantes da Mesa do Parlamento de Galicia ou polos deputados nos que deleguen cada un deles, así como por un docente designado pola Cámara.
 
Recordo para as vítimas do 11-M
Antes de rematar as súa comparecencia, a presidenta do Parlamento de Galicia tivo un “recordo emocionado para todas as vítimas” dos atentados do 11-M, dos que hoxe se cumpren 7 anos, “e as súas familias”. “Todos están nos nosos corazóns”, afirmou Pilar Rojo.

Imaxes relacionadas