A Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos elixe presidenta a Pilar Rojo

 
 
• A presidenta do Parlamento de Galicia agradece a confianza e reivindica a importancia e visibilidade  do traballo da muller
 
• Recorda que o Parlamento de Galicia celebra en 2011 o seu trinta aniversario e subliña que “as cámaras lexislativas que representamos deben estar permanentemente pegadas á realidade e á escoita de canto sucede e preocupa nos nosos pobos e cidades”

 
Pamplona, 8 de marzo de 2011.- A Conferencia de Presidentes de Parlamentos Autonómicos de España (COPREPA) elixiu hoxe, por unanimidade, á titular da Cámara galega, Pilar Rojo, como presidenta desta organización, posto no que releva á presidenta do Parlamento de Navarra.
 
O acordo, adoptado no Plenario de COPREPA que se celebra desde onte en Pamplona, foi asumido por Pilar Rojo como un “recoñecemento e unha oportunidade” que agradeceu e valorou por coincidir co trinta aniversario da creación do Parlamento de Galicia, que se celebra este ano.
 
Tamén valorou que o acordo se adoptase coincidindo coa celebración do Día da Muller Traballadora, feito que foi aproveitado por Pilar Rojo para reivindicar a visualización do traballo das mulleres.
 
Parlamentos pegados á realidade
 
En palabras de Pilar Rojo, o Parlamento de Galicia quere celebrar as súas tres décadas de vida  “abrindo máis que nunca as nosas portas á sociedade” porque “as cámaras lexislativas que representamos deben estar permanentemente pegadas á realidade e á escoita de canto sucede e preocupa nos nosos pobos e cidades”.
 
Para acadar ese obxectivo, a nova presidenta de COPREPA avogou por “intensificar as vías de conexión dos cidadáns cos parlamentos para acadar unha comunicación fluida”.
 
“Esta proximidade cos cidadáns resulta esencial para conseguir que o proceso de toma de decisións sexa xusto e equilibrado e desde a Presidencia de COPREPA é unha responsabilidade traballar nesta dirección”, agregou.
 
Reivindica o consenso
 
Paralelamente, Rojo Noguera puxo de manifesto espírito de cordialidade, consenso e traballo en equipo que caracteriza a  COPREPA, “buscando obxectivos comúns que redunden en beneficio dos cidadáns”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación
 
 
 
 

Imaxes relacionadas