O Parlamento de Galicia organizou medio centenar de charlas divulgativas para o estudantado galego no curso 2018-19

 
• Esta actividade chegou a preto de 3.500 alumnos, malia o parón derivado das dúas convocatorias electorais deste ano
 
Santiago, 4 de xullo de 2019.- O Parlamento de Galicia
organizou, durante o curso 2018-2019 un total de 48 charlas divulgativas para alumnado de ESO, Bacharelato, ciclos formativos e ensino universitario, nas que participaron arredor de 3.500 alumnas e alumnos.
 
Esta actividade organízase coa colaboración da Asociación de Ex-deputados/as da Cámara e conta cunha crecente aceptación entre a comunidade educativa.
 
Estas charlas quedan en suspenso cada vez que se produce unha convocatoria electoral, razón que se traduciu nun parón durante o primeiro semestre de 2019, derivado das dúas citas coas urnas, as das eleccións xerais e das municipais.
 
De non ter sido por esa razón, probablemente se tería superado a marca do curso 2017-2018, no que se celebraron 58 charlas.
 
O ciclo de charlas divulgativas sobre o Parlamento de Galicia púxose en marcha no ano 2011 para dar a coñecer a institución ao estudantado de ESO e Bacharelato. Na súa primeira edición participaron 20 centros. As charlas son impartidas por ex-deputados da Cámara desde unha óptica plural na medida en que habitualmente participan representantes de tres formacións políticas diferentes. A actividade comeza coa proxección dun vídeo sobre o Parlamento e, logo da exposición de cada un dos relatores, o alumnado abre unha rolda de preguntas. A boa  aceptación da iniciativa levou ao Parlamento a estender a iniciativa ao ensino universitario.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas