Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 27 de marzo de 2019

5.3 45234 (10/PNP-003395)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Blanco Paradelo, Moisés e 5 máis
Sobre o mantemento pola Xunta de Galicia do seu apoio aos profesionais que traballan no campo galego a tempo parcial, así como o impulso das medidas necesarias para fomentar e protexer a súa actividade nel
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 430, do 13.02.2019
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O  Parlamento  de  Galicia  insta  á Xunta  de  Galicia a  manter  o  apoio  aos  profesionais que  traballan  no  campo  a  tempo  parcial,  así  como  impulsar  cantas  medidas  sexan necesarias para fomentar e protexer a súa actividade no campo galego”
 
5.6 46854 (10/PNP-003517)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Nóvoa Iglesias, Marta e 14 máis
Sobre a demanda que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central en relación co establecemento dun marco enerxético estable e un prezo eléctrico competitivo consensuado co sector electrointensivo, así como a actuación que debe levar a cabo respecto da presentación dun expediente de regulación de emprego temporal na empresa Ferroatlántica.
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG n.º 437, do 27.02.2019

 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de  Galicia, insta a Xunta de Galicia a:
1. Demandar ao Goberno  que rectifique o borrador do Estatuto dos Consumidores Electrointensivos e esta vez se teña en conta as alegacións que a Xunta consensuou coas empresas electrointensivas galegas para conseguir un prezo competitivo e estable da electricidade:
 
- Incluír unha categorización das empresas electrointensivas diferenciando entre consumidores electrointensivos, consumidores altamente electrointensivos e consumidores hiperelectrointensivos co obxectivo de que se poidan atender as necesidades concretas de cada empresa en función do consumo enerxético que teña o seu proceso produtivo.
 
- Establecer compensacións polo pagamento de renovables, sobre todo para as empresas que teñen unha maior carga no seu custo enerxético vinculado ao custo das renovables.
 
- Habilitar o dereito ás compensacións desde o punto de vista fiscal e dos descontos por peaxe, dous aspectos que teñen unha incidencia directa no custo enerxético que asumen as empresas electrointensivas.
 
- Introducir as compensacións que habilita a propia Comisión Europea derivadas das propias poxas de CO2 coa finalidade de permitir unha suficiencia financeira axeitada para dar resposta á empresas electrointensivas.
 
- Que estas medidas sexan retroactivas desde o 1 de xaneiro co obxectivo de que as empresas poidan ter unha  certeza sobre os custos enerxéticos que terán que asumir durante 2019.
 
2. Demandar ao Goberno as modificacións normativas necesarias para que a planta de Alcoa na Coruña poida participar na poxa de interrompibilidade do segundo semestre do ano, así como do resto de empresas electrointensivas que viñan participando desde Galicia.
3. Demandar ao Goberno máxima transparencia e máxima cooperación institucional respecto ás empresas ou fondos  que están interesados en Alcoa Coruña, coa finalidade de garantir a unidade de acción en favor dos traballadores e as súas familias.
 
4. Seguir mantendo o contacto coa traballadores das empresas e cos seus representantes sindicais para acordar o mantemento  da actividade industrial e para a defensa dos postos de traballo”.

5.8 47456 (10/PNP-003588)
Grupo Parlamentario de En Marea
Casal Vidal, Francisco e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e as xestións que debe realizar diante do Goberno central en relación co concurso voluntario de acredores con proposta de liquidación para a fábrica de Poligal en Narón
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 444, do 13.03.2019
 
 O texto aprobado é o seguinte:  
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a intervir  de  maneira  contundente  ante  a  empresa  para  garantir  o  mantemento da actividade e dos postos de traballo na planta de Poligal en Narón”.
 

Imaxes relacionadas