Mocións aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 26 de marzo de 2019

 

4.1 47839 (10/MOC-000132)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego e as demandas que debe realizar ao Goberno central en relación co sector da industria electrointensiva galega e o expediente de regulación de emprego temporal presentado por Ferroatlántica. (Moción, a consecuencia da Interpelación nº 41768, publicada no BOPG nº 405, do 03.01.2019, e debatida na sesión plenaria do 12.03.2019)
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento galego acorda instar á Xunta de Galicia a: 
 
1.  Manter  un  contacto  permanente cos  traballadores  e traballadoras  dos  centros de Ferroatlántica en Galicia e coas corporacións municipais dos concellos afectados para defender o mantemento dos postos de traballo e da actividade produtiva.
 
2.   Esixir   ao   goberno   central   a   inmediata   aprobación   do   Estatuto   de Electrointensivas e o seu consenso co sector electrointensivo galego. 
 
3.  Esixir  ao  goberno  central  a  non  aplicación  na  industria  galega e de todos os consumidores galegos da  suba  de prezo  da  enerxía  por  mor  da  aplicación  dos  suplementos  territoriais  en  canto  non  se resolvan os recursos pendentes.  De non prosperar, esixir que a suba sexa asumida polo Estado”.
 
 
4.3 47849 (10/MOC-000134)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Álvarez Martínez, Luis Manuel
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en materia lingüística. (Moción, a consecuencia da Interpelación nº 37279, publicada no BOPG nº 362, do 26.09.2018, e debatida na sesión plenaria do 12.03.2019)
 
O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego para que:
 
1º)      Garanta  que  ao  remate  das  etapas  educativas  nas  que  o  ensino  da  lingua galega sexa obrigatoria, o alumnado coñeza nos seus niveis oral e escrito a lingua galega en igualdade co castelán.
 
2º)    Manteña  a  esixencia  da  acreditación  do  coñecemento  da  lingua  galega  nos procesos  de  ingreso,  acceso  e  adquisición  de  novas  especialidades  nos  corpos docentes  naqueles  procesos  que  se  desenvolvan  na  comunidade  autónoma  de Galicia.
 
3º)  No  acceso  aos postos  da  Administración  xeral  autonómica  de  Galicia  se manteña como requisito a acreditación do coñecemento da lingua galega”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación.
 
 

Imaxes relacionadas