Santalices: “As administracións deben evolucionar ao carón da sociedade nun entorno crecentemente cambiante”

 
• O presidente o Parlamento de Galicia inaugurou en Ourense as I Xornadas sobre retos das administracións contemporáneas
 
• Considera que, para estar á altura das demandas sociais, as administracións deberán ser  transparentes, confiables, accesibles, responder con inmediatez e xestionar con eficiencia

Santiago, 4 de febreiro de 2019.- “As administracións deben evolucionar ao carón da sociedade, a ser posible por diante, nun entorno crecentemente cambiante, no que a sensibilidade e as demandas da cidadanía mudan a moito maior ritmo ca no pasado”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, esta tarde, na inauguración das I Xornadas sobre retos das administracións contemporáneas, que se celebran no Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense.
 
Abundando nesta idea, o titular do Lexislativo galego engadiu que o principal desafío dos poderes públicos é “dar resposta ás demandas e ás necesidades da cidadanía”.
 
Obxectivos
 
Apuntou, nesta liña, que “para estar á altura do que a xente agarda dela”, a Administración –con independencia do seu ámbito competencial-  “deberá ser transparente, deberá transmitir confianza, deberá ser accesible, facilitar a participación e  amosarse próxima aos intereses das persoas;  deberá responder con inmediatez e deberá xestionar os recursos públicos –recursos que son de todos, porque proceden dos impostos- con criterios de eficacia e de eficiencia”.
 
Para materializar estes obxectivos –engadou Santalices Vieira-, as tecnoloxías da información e a comunicación “convertéronse en magníficos aliados”, especialmente en ámbitos como o da transparencia, a accesibilidade, a proximidade ou a participación.
 
Administración parlamentaria
 
Recordou que malia non ser unha administración ao uso, o Parlamento de Galicia traballa co obxectivo de facer realidade obxectivos como os enunciados por Santalices na súa intervención e convidou aos participantes nas xornadas a coñecer a sede electrónica da Cámara, a primeira deste tipo impulsada por un parlamento autonómico en España para avanzar en materia de transparencia, participación e proximidade.
 
“Somos unha cámara eficaz pero, ademais, xestionamos con eficiencia os recursos económicos que a sociedade pon a nosa disposición”, afirmou o Parlamento de Galicia, que puxo como exemplo o feito de que o custe medio dun deputado no Parlamento de Galicia é xusto a metade respecto ao Parlamento Vasco, que conta tamén con 75 deputados. 
 
Santalices comezou a súa intervención recoñecendo a “non moi boa imaxe” do colectivo de funcionarios públicos entre o conxunto da sociedade, feito que, na súa opinión, constitúe tamén un reto a superar.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas