Santalices gaba o galeguismo “democrático, plural e integrador” que inspirou a traxectoria política de Fernández Albor

 
• O presidente do Parlamento participou esta tarde na presentación do libro Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente

Santiago, 31 de xaneiro de 2019.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou esta tarde que o expresidente da Xunta Xerardo Fernández Albor exerceu a política “con paixón, pero tamén con sentidiño, desde a coherencia e co galeguismo como sinal de identidade”. Santalices expresábase así na presentación do libro Xerardo Fernández Albor e o seu tempo. Cen anos dun presidente, na que se deron cita diferentes personalidades, encabezadas polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
 
Santalices gabou o “galeguismo democrático, plural e integrador” que inspirou a acción política de Fernández Albor,  sentimento que situou “nas antípodas do nacionalismo excluínte e segregador”. Falou dun galeguismo “herdeiro das mellores correntes históricas da Galicia territorial e da Galicia universal; un galeguismo aberto ao conxunto de España e do mundo, con espírito e vocación europea, pola que tanto traballaría posteriormente D. Xerardo desde Bruxelas e Estrasburgo”.
 
Transformación de Galicia
 
O presidente do Parlamento felicitou aos coordinadores e impulsores da edición deste libro “ameno, de lectura doada e gratificante para as persoas interesadas na figura do Dr. Fernández Albor e a Galicia do seu tempo”. Un volume que “ademais de poñer en valor a figura do homenaxeado, nos axuda a comprender a profunda transformación rexistrada en Galicia en pouco máis de medio século”.
 
Para o titular do Lexislativo galego, ese avance é “consecuencia directa, en gran parte, da estabilidade e o benestar derivados da Constitución do 78 e do asentamento e consolidación da autonomía que a Carta Magna e o posterior Estatuto nos brindaron e que persoas como D. Xerardo puxeron en marcha”.
 
Da traxectoria persoal do homenaxeado, Santalices recordou que Fernández Albor destacou como médico humanista, como cirurxán, como xestor sanitario  e como “galego bo e xeneroso que amaba profundamente a Galicia”. Por iso, no cumio da súa carreira profesional, o Dr. Fernández Albor non dubidou en antepoñer os intereses colectivos sobre os persoais”.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación.

 

Imaxes relacionadas