Acordos da A Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos, celebrada o 24-01-2019

A  Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos, na súa sesión do 24 de xaneiro de 2019, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
 
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación con modificacións
 
- 40955 (10/PNC-003325)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Presas Bergantiños, Noa e 5 máis
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central, así como a actuación que debe levar a cabo para o establecemento dun sistema de coeficientes redutores da idade de xubilación para o persoal do sector naval
BOPG n.º 394, do 05.12.2018

 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, por 9 votos a favor, 0 votos en contra e 2 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Estado para demandar a realización de todas as actuacións necesarias para o establecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación para o persoal empregado no sector naval, entendendo por tal tanto o sector público como privado incluíndo as e os traballadores tanto das empresas principais como das auxiliares."
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 36679 (10/PNC-002939)
Grupo Parlamentario de En Marea
Lago Peñas, José Manuel e Torregrosa Sañudo, Julia
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para o cumprimento polas empresas da normativa laboral en relación co cumprimento das horas extraordinarias anuais permitidas, a contratación de novas persoas ocupadas e a conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras
BOPG n.º 358, do 19.09.2018

 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 11 deputados e deputadas presentes con dereito a voto.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Intensificar as inspeccións de traballo co obxectivo de que as empresas cumpran coa normativa laboral en relación ao cumprimento das horas extraordinarias anuais permitidas.
 
2. Garantir mediante as inspeccións o cumprimento de toda normativa laboral por parte das empresas así como facilitar a contratación de novas persoas ocupadas.
 
3. Garantir o cumprimento da lei 39/1999 de 5 de novembro de conciliación de vida familiar e laboral de persoas traballadoras.
 
4. Instar o Goberno central a que dote a Inspección de Traballo en Galicia de máis medios humanos e técnicos"
 
 

Imaxes relacionadas