O presidente do Parlamento expresa o seu pesar polos falecidos nos últimos naufraxios na costa galega

Santiago, 20 de decembro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, expresou este mediodía o seu “sentido pésame” ás familias dos falecidos nos dous naufraxios rexistrados nas últimas horas nas costas galegas, sentimento que fixo extensivo a “toda a xente mariñeira de Galicia”.
 
Santalices recibiu este mediodía en Santiago o VI Premio Internacional APECSA 2018 de divulgación do Camiño de Santiago, outorgado ao Parlamento de Galicia pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago. O presidente da Cámara iniciou a súa intervención recordando que a de hoxe é unha “xornada luctuosa para as xentes do mar de Galicia e, por extensión, para Galicia enteira” e recoñeceu o “abatemento” producido polos dous naufraxios rexistrados nas costas galegas durante as últimas horas.
 
“Cando aínda estabamos conmocionados polo afundimento do  `Sin Querer Dous´, que se saldou con tres mariñeiros falecidos e un desaparecido, chegounos a tráxica noticia dun segundo accidente marítimo, o afundimento do pesqueiro `A Silvosa, en Malpica, no que perdeu a vida o patrón do barco”, recordou.
 

Imaxes relacionadas