O Parlamento acollerá unha sesión extraordinaria da Real Academia de Medicina de Galicia

• Contará coa intervención de tres académicos que disertarán sobre a epidemia de gripe de 1918
 
Santiago, 8 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia acollerá, o vindeiro 14 de novembro, unha sesión extraordinaria da Real Academia de Medicina de Galicia na que diferentes académicos analizarán a epidemia de gripe de 1918 en Galicia desde diferentes ópticas.
 
A sesión comezará cun relatorio do Dr. Benito Regueiro García, que disertará sobre “O virus causal da gripe de 1918 e a súa pervivencia ata os nosos días”. Continuará cunha disertación do Dr. Juan Jesús Gestal Otero, que falará sobre “Singularidades e enigmas desta pandemia”. De seguido, o Dr. José Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina de Galicia,  analizará  os “Aspectos médico-sociolóxicos da gripe de referencia”.
 
A clausura da sesión correrá a cargo do decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, Julián Álvarez Escudero; o conselleiro de Sanidade da Xunta, Jesús Vázquez Almuiña; e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira.
 
A xornada servirá tamén para reivindicar a utilidade das campañas de vacinación antigripal que se desenvolven na actualidade.
 
Dase a circunstancia de que parte da actual sede do Parlamento de Galicia foi cedida parcialmente ao Exército en setembro de 1918 pola necesidade de locais provocada pola epidemia de gripe que afectaba daquela á tropa acuartelada na cidade. O pazo do Hórreo albergou unha Escola de Veterinaria entre 1915 e 1924, ano no que pasou definitivamente ao Exército.

Imaxes relacionadas