O presidente do Parlamento explica no Instituto Cervantes de Lisboa a lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía

 
• Santalices tamén se interesa polo labor do Instituto Cervantes no ámbito das linguas cooficiais, como o galego
 
Santiago, 20 de outubro de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, visitou esta mañá a sede do Instituto Cervantes de Lisboa, onde se reuniu co equipo do centro, que lle explicou o traballo que desenvolve esta institución pública.
 
Santalices explicou ao persoal do centro lisboeta do Instituto Cervantes o contido da Lei Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2014 e xurdida dunha iniciativa popular. A norma sinala que os poderes públicos galegos promoverán o coñecemento da lingua portuguesa e das culturas lusófonas para afondar nos vencellos históricos que unen Galicia cos países e comunidades de lingua portuguesa e polo carácter estratéxico que para Galicia teñen as relacións económicas e sociais con Portugal.
 
A lei regula tamén a progresiva incorporación da lingua portuguesa á oferta educativa de Galicia e obriga os poderes públicos a promover as relacións de todos os niveis cos países de lingua oficial portuguesa, convertendo este obxectivo en prioritario.
 
Durante o encontro, presidente do Parlamento interesouse tamén polo labor do Instituto Cervantes no ámbito das linguas cooficiais, como o galego.
 
O presidente do Parlamento estivo acompañado nesta reunión polo catedrático Ramón Villares, que forma parte da delegación en representación do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación.

Imaxes relacionadas