Acordos da Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, celebrada o 18-10-2018

A  Comisión 8ª, Pesca e Marisqueo, na súa sesión do 18 de outubro de 2018, adoptou os seguintes acordos:
 
Procedementos de control e impulso
 
Proposicións non de lei en Comisión
 
Aprobación sen modificacións
 
- 36696 (10/PNC-002946)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 6 máis
Sobre a demanda ao Goberno central da realización de estudos que conduzan a acreditar, diante de ICES e ICCAT, o bo estado do "stock" de bonito do norte e, conseguintemente, a un aumento do TAC asignado a esta especie no Atlántico norte, así como a negociación e adopción de medidas de xestión que permitan estender a duración da campaña e a rendibilidade económica da campaña do bonito
BOPG n.º 358, do 19.09.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 9 votos a favor, 0 votos en contra e 3 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno central para:
 
1.- A realización de estudos que conduzan a acreditar, diante de ICES e ICCAT, o bo estado do stock de bonito do norte e, conseguintemente, a un aumento do TAC asignado a esta especie no Atlántico norte.
 
2.- A negociación e adopción de medidas de xestión que permitan, no marco disposto por ICCAT e da normativa europea sobre TAC e cotas, poder estender a duración da campaña e a rendibilidade económica da campaña do bonito."
 
Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 26842 (10/PNC-002070)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Toja Suárez, María Dolores e Torrado Quintela, Julio
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa comercialización dos produtos procedentes do mar e o incremento do seu valor engadido, así como co financiamento e expansión internacional das empresas que se dedican á súa elaboración
BOPG n.º 272, do 07.03.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a elaborar un programa concreto de apoio á comercialización de produtos procedentes do mar, tanto no ámbito estatal como no internacional, dotándoo coa contía orzamentaria suficiente para executalo na súa totalidade."
 
- 33624 (10/PNC-002751)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Prado Cores, María Montserrat e 5 máis
Sobre as actuacións do Goberno galego relacionadas co peche da pesqueira da sardiña para a frota do xeito
BOPG n.º 342, do 27.07.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a, de persistir a prohibición de pescar sardiña para a flota de xeito e racú, establecer liñas de axudas, para garantir o mantemento de rendas, especialmente para os mariñeiros que non teñen ninguna outra alternativa, mais tamén para evitar a sobreexplotación doutros recursos pesqueiros."
 
- 34729 (10/PNC-002821)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Egerique Mosquera, Teresa e 5 máis
Sobre as medidas que debe adoptar a Xunta de Galicia para evitar o furtivismo nas praias
BOPG n.º 350, do 03.09.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
- Continuar desenvolvendo no futuro campañas de concienciación para dar visibilidade á problemática do "furtivismo de bañador" e rematar así cos problemas que durante os veráns suceden en Galicia cos turistas que desfrutan as súas vacacións nos nosos areais.
 
- Dotar de mais medios públicos propios de control e vixilancia das praias para evitar todo tipo de furtivismo, creando una partida, no vindeiro orzamento, con este obxectivo."
 
Aprobación por unanimidade sen modificacións
 
- 32168 (10/PNC-002619)
Grupo Parlamentario de En Marea
Torregrosa Sañudo, Julia e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co acceso da cidadanía a toda a información dispoñible referida á xestión de Portos de Galicia, así como a garantía do mantemento dun alto nivel de transparencia por todas as institución públicas de Galicia, permitindo a súa rendición de contas
BOPG n.º 323, do 20.06.2018
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a:
 
1.- Transmitir a Portos de Galicia a necesidade de que toda a información dispoñible sobre a xestión da institución se atope ao servizo da cidadanía e conte cun aceso fácil e rápido.
 
2.- Garantir que todas as institucións públicas de Galicia manteñan un alto nivel de transparencia, permitindo a rendición de contas.
 
3.- Esixir a Portos de Galicia a publicación de todos os informes de xestión que non están pendurados na súa páxina web coa maior brevidade."

Imaxes relacionadas