O Parlamento de Galicia súmase ao Día Internacional para a erradicación da pobreza coa exposición “Ninguén á marxe”


• Santalices recorda que a educación é o factor que máis eficazmente contribúe a superación da pobreza e a exclusión
 
Santiago, 17 de outubro de 2018.- O Parlamento de Galicia sumouse hoxe aos actos programados co gallo do Día Internacional contra a Pobreza coa inauguración da exposición “Ninguén á marxe”, organizada pola Rede Galega contra a Pobreza (EAPN-Galicia).
 
O presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, enmarcou esta exposición na aposta do Parlamento por abrirse a sociedade e  acercarse ás diferentes realidades que a conforman, incluída a situación das persoas que padecen a pobreza ou o risco de exclusión por razóns como as dificultades económicas, a enfermidade física ou mental, ou calquera outro tipo de causa.
 
Santalices Vieira felicitou á Rede Galega contra a Pobreza por amosar esta exposición no Pazo do Hórreo, ao tempo que  agradeceu a asistencia ao acto de portavoces e deputados e deputadas dos catro grupos con representación parlamentaria.
 
En opinión de Santalices, ademais dos recursos e dos programas específicos necesarios para afrontar esta realidade, “a educación ten moita importancia” na loita contra a pobreza. Parafraseando a Steven Pinker, autor de En defensa de la Ilustración,  o mellor investimento que se pode facer é en educación, porque a educación fai que os países sexan máis prósperos e máis democráticos.
 
O acto inaugural desta mostra contou tamén coas intervencións do presidente da Rede Galega contra a Pobreza, Antonio Hernández Fernández, e da conselleira de Política Social da Xunta, Fabiola García Martínez.  Tamén se deu lectura á Declaración institucional do Día Internacional para a erradicación da Pobreza.

Imaxes relacionadas