Rosa Oubiña Solla toma posesión como deputada do Parlamento de Galicia

Santiago 9 de outubro de 2018.-  Rosa Oubiña Solla (Cambados, 1961) tomou posesión esta mañá como deputada do Parlamento de Galicia, en substitución de Silvestre José Balseiros Guinarte. Rosa Oubiña é deputada do PPdeG por Pontevedra.
 
Oubiña Solla é  viticultora e traballou como autónoma ata a súa toma de posesión no Parlamento. Realizou cursos de Capacitación Agraria e Cooperativismo.
 
Do ano 1989 ao 1992 foi presidenta de Novas Xeracións en Cambados. Presentouse na candidatura do PP ao Concello de Cambados e no ano 1991 tomou posesión como concelleira. Dende o ano 1998 ata xuño de 2007 foi tenente de alcalde e concelleira delegada de Cultura, Muller, Servizos Sociais e Xuventude. Durante eses anos como concelleira formou parte da Fundación Valle-Inclán e foi membro fundador da Fundación Plácido Castro.
 
No ano 2007 tomou posesión como deputada no Parlamento de Galicia formando parte das Comisións de Agricultura, de Pesca e de Sanidade. Tamén foi deputada na VIII e na IX Lexislatura. Nesta última foi portavoz de Igualdade do Grupo Parlamentario Popular e presidenta da Comisión de Pesca e Marisqueo.

Imaxes relacionadas