Moción aprobada polo Pleno do Parlamento de Galicia o 5 de xuño de 2018

 
3.3 31372 (10/MOC-000093)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Díaz Villoslada, Juan Manuel
Sobre as demandas que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central e as actuacións que debe levar a cabo para garantir a plenitude dos dereitos das persoas galegas retornadas (Moción a consecuencia da Interpelación nº 2127, publicada no BOPG nº 28, do 14.12.2016, e debatida na sesión plenaria do 22.5.2018)
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a tomar todas as medidas precisas para garantir  o  retorno  dos  galegos  e  galegas  emigrantes  en  plenitude  de  dereitos,  e a  tal efecto:
 
1º.      Dirixirase   o   Goberno   central   para   establecer   con   carácter   de   urxencia   un procedemento   de   homologación   das   pensións   do   estranxeiro   coas   pensións   da Seguridade  Social  para  que,    as  que  sexan  por  incapacidade  permanente  absoluta  ou gran  invalidez  que  están  exentas  do  IRPF,  se  exclúan  de  calquera  requirimento  que  se faga a efectos fiscais. 
Namentres  non  se  dispoña  esta  homologación,  paralizaranse  os  requirimentos  que  a Administración  tributaria está  a  facer aos  emigrantes  retornados  con  pensións  públicas do  estranxeiro,  non  procedendo  a  iniciar  actuacións  de  xestión,  investigación  ou liquidación do IRPF para estes supostos.
 
2º.    Impulsará  o  inmediato  cumprimento  dos  acordos  transaccionados  na  Proposición non de lei 8571 do Grupo dos Socialistas de Galicia na sesión do pleno do Parlamento de Galicia celebrada o 24 de maio de 2017.
 
3º.  Dirixirase  o  Goberno  central,  en  tanto  os  galegos  residentes  en  España  non  volvan recibir  o  pagamento  das  pensións  con  cargo  á  Seguridade  Social  de  Venezuela,  a  dar efectivo  cumprimento  ao  acordado  na  Proposición  non  de  lei  aprobada  pola  Comisión de  Emprego  e  Seguridade  Social  do  Congreso  dos  Deputados  na  súa  sesión do  pasado 13 de decembro de 2017, sobre medidas para paliar a situación de desprotección xerada aos pensionistas afectados pola prolongada suspensión do pagamento das súas pensións por parte do Goberno de Venezuela, presentada polo Grupo Parlamentario Socialista.
 
4º.  Modificar o criterio de xestión  e  concesión  das  pensións non  contributivas  por  parte  da  Consellería  de  Política  Social  mentres se dan as circunstancias expostas no parágrafo anterior, para incluír a  efectiva percepción doutra pensión sempre que o Imserso adopte este criterio nas súas instrucións. 
 
5º.  Dada  a  crítica  situación  dun  gran  número  de  galegas  e  galegos  retornados  de Venezuela  que  levan  máis  de  dous  anos  sen  percibir  as  súas  pensións  do  Goberno daquel país, a Xunta de Galicia establecerá un protocolo especial para a atención integral deste colectivo”.

 

Imaxes relacionadas