O Parlamento de Galicia implanta un programa de portas abertas de periodicidade semanal

 
• Calquera persoa que o desexe poderá visitar a sede do Lexislativo galego sen necesidade de inscrición previa todos os luns laborables do ano
 
• A medida enmárcase na aposta do presidente da Cámara para dar visibilidade á institución e súmase aos programa de visitas guiadas e a “Coñece as túas institucións” dirixido ao estudantado

Santiago, 2 de xuño de 2018.- O Parlamento de Galicia porá en marcha, a partir do vindeiro luns, 4 de xuño, un programa de portas abertas de periodicidade semanal, que permitirá a calquera persoa que o desexe coñecer a sede do Lexislativo galego sen necesidade de inscribirse previamente.
 
No marco desta iniciativa, todos os luns laborables do ano, o Parlamento habilitará tres quendas diarias de visitas, que darán comezo ás 10,00, ás 12,00 e ás 16,30h., nas que  poderá participar calquera persoa que o desexe.
 
Cada unha destas visitas durará arredor de unha hora e,  cando as condicións o permitan, poderán facerse coincidir nunha mesma quenda, persoas do programa de portas abertas con outras visitas concertadas con anterioridade. As explicacións ofreceranse en galego ou castelán, segundo caso; e en inglés cando así se demande.
 
O percorrido será o mesmo que o do programa de visitas guiadas. Dará comezo no Salón dos Reis e seguirá a través da Sala de Exposicións (onde se amosa un vídeo divulgativo), bibliotecas, área dos grupos parlamentarios, salas de reunión, Sala das Letras Galegas e Salón de Plenos.

Achegar o parlamento á cidadanía
 
O programa de portas abertas enmárcase na aposta do presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, por achegar a institución á cidadanía. A iniciativa súmase a outras medidas xa en marcha, como o programa de visitas guiadas (operativo de luns a venres, con inscrición previa), ou “Coñece as túas institución”, impulsado polo Parlamento e pola Xunta para que alumado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros públicos poda coñecer as sedes das poderes Lexislativo e Executivo de Galicia. Neste caso, Xunta e Parlamento asumen os gastos de desprazamento dos estudantes.
 
Paralelamente, un convenio entre o Parlamento de Galicia e Renfe ofrece descontos do 40% sobre a tarifa en vigor para os grupos organizados que viaxen en tren a Santiago para coñecer a Cámara galega. O desconto aplícase de luns a xoves.
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas