Santalices considera que a estabilidade institucional e a seguridade xurídica de Galicia “contribúen a incrementar a nosa credibilidade”

 
• O presidente do Parlamento participou en Ourense na inauguración do II Congreso Internacional de Drones, onde destacou o “enorme potencial” de Galicia no sector dos vehículos aéreos non tripulados

Santiago, 24 de maio de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, subliñou esta tarde que “nun entorno tan cambiante como o actual, Galicia ofrece unha solidez e unha estabilidade institucional pouco frecuentes –desde logo única en España-  e unha acreditada seguridade xurídica que contribúen a  incrementar a nosa credibilidade no mundo dos negocios”.
 
Santalices Vieira efectuou estas consideracións na inauguración do II Congreso Internacional de Drones, que se celebra en Ourense.
 
Para o presidente do Parlamento, este congreso, organizado polo Colexio Oficial de Graduados Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións e pola Asociación Galega de Graduados e Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicación, é o resultado dunha “aposta sólida, mantida no tempo, dos profesionais do sector, das institucións e da sociedade no seu conxunto a prol dun sector, o dos vehículos aéreos non tripulados, que conta con enorme potencial de futuro”.
 
Santalices recordou que Galicia “tivo o certo de apostar” polos drones desde a Universidade, coa impartición do Grao de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo en Ourense; desde a Administración, a través do polo aeronáutico de Rozas; e tamén cun protagonismo destacado das empresas privadas.
 
Posteriormente, o presidente do Parlamento de Galicia asiste ao acto de entrega da distinción de colexiado de honra do Colexio de Economistas de Ourense a Manuel Gómez Franqueira.

 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas