Logo do parlamento en forma de abanico Parlamento de Galicia

Santalices felicita ao Concello de Melide pola súa capacidade para conservar e divulgar “tradicións fermosas” como a Festa do Melindre e a Repostería Tradicional

 
• O presidente do Parlamento de Galicia foi nomeado embaixador desta festa gastronómica

Santiago, 13 de maio de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia,
Miguel Ángel Santalices Vieira, felicitou hoxe ao Concello de Melide pola  súa capacidade para conservar e divulgar “tradicións fermosas” como a Festa do Melindre e a Repostería Tradicional, da que foi nomeado embaixador este mediodía.
 
Nunha breve intervención durante o acto de nomeamento de novos embaixadores desta celebración, Santalices Vieira agradeceu a hospitalidade de Melide, punto destacado do Camiño de Santiago, ruta que “nos mantén en contacto con Europa e co mundo desde hai máis de mil anos” e que se ten convertido, na actualidade, nun “potente motor económico que para si quixera calquera outro territorio”.
 
Recordou o presidente do Parlamento o “papel protagonista de Melide na historia de Galicia”. Puxo como exemplo  a Xunta de Melide de 1467, que marcou inicio do bienio irmandiño; e tamén a Asemblea de Melide de 1520, na que prelados e señores reivindicaron, en tempos de Carlos V, protagonismo político e económico para Galicia.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas