Santalices reivindica o xornalismo de calidade como “único antídoto capaz de contrarrestar os efectos nocivos da desinformación”

 
• O presidente do Parlamento de Galicia inaugurou en Pontevedra o XVIII Curso Complementario de Comunicación e Protocolo
 
• Recorda que deputados e deputadas “foron elixidos nas urnas para exercer unha alta responsabilidade, non para que dediquen o seu tempo a tuitear desde o escano, porque iso poden facelo noutro momento”
 
• Considera que “política e comunicación son dúas realidades indisociables” e apunta a necesidade de apostar pola bidireccionalidade, porque “o vello esquema da cidadanía como espectadora da vida pública pasou á historia”

Santiago, 18 de abril de 2018.- O presidente do Parlamento de Galicia asegurou esta mañá que “malia as dificultades ás que se enfrontan os medios de comunicación, existe un consenso xeneralizado que apunta ao xornalismo de calidade como único antídoto capaz de contrarrestar os afectos nocivos da desinformación que campa ás súas anchas por Internet”.
 
Santalices Vieira pronunciou esta mañá a conferencia inaugural do XVIII Curso Complementario de Comunicación e Protocolo e das VII Xornadas de Comunicación Institucional e Imaxe Pública que se celebran na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.
 
Reivindicou o presidente da Cámara galega o “papel transcendental  dos xornalistas e dos medios de comunicación nas democracias avanzadas como a nosa”.
 
Na mesma liña, o titular do Lexislativo galego recordou que o Regulamento da Cámara outorga un papel “determinante” aos xornalistas acreditados, ata o punto de que nin deputados nin público poden tomar fotografías das sesións.
 
Respectar as normas
 
Por iso, Santalices apuntou que “se queremos e aspiramos a dignificar o labor dos parlamentarios, coido que é bo respectar as normas. Que os xornalistas fagan o seu traballo e os deputados e deputadas exerzan o seu labor. Foron elixidos nas urnas para exercer unha alta responsabilidade, a de representar ás galegas e galegos no poder lexislativo, non para que dediquen o seu tempo a tuitear desde o escano, porque iso poden facelo noutro momento”.
 
O conferenciante admitiu ter a “impresión persoal” de que en ocasións, desde a tribuna de oradores do Hemiciclo “se coida tanto ou máis a imaxe, a posta en escena na procura dunha foto, dun plano pensando na televisión ou nos vídeos de Internet, que a oratoria e a calidade do discurso”.
 
Política e comunicación, realidades indisociables
 
Con todo, Santalices insistiu en que “política e comunicación son dúas realidades indisociables, máis nos nosos días”, e apostou pola “comunicación no sentido máis amplo, contando cos novos medios e coas novas demandas sociais”. Apostou por unha relación bidireccional, porque “aquel vello esquema no que a cidadanía contemplaba a vida pública como espectadora pasou á historia”.  “Quen non vexa esta realidade ou se negue a aceptala ten ou terá serios problemas”, aseverou.
 
Recordou Santalices Viera que para avanzar nesa dirección, se aprobou en 2015 a Lei de iniciativa popular e participación cidadá no Parlamento de Galicia, que contempla diferentes posibilidades para que galegas e galegos teñan un papel proactivo no Lexislativo autonómico.
 
Entre as cualidades, que  ao seu xuízo, deben reunir deputadas e deputados, o presidente do Parlamento enumerou as seguintes: saber comunicar, capacidade para conectar coa xente, entender os problemas e procurar solucións; dispoñibilidade (“un deputado non é un empregado que traballa de oito a catro”); coherencia, honestidade, credibilidade, proactividade; visión de futuro e capacidade de anticipación.
 
“Mudaron as formas, pero a esencia permanece. A política feita polas persoas e para as persoas, dentro dun marco normativo aceptado e respectado por todos. Nada hai inamovible, nin sequera as leis. Pero principios como a orde, a cortesía e o respecto, esencias do protocolo aos que moitos de vostedes se dedican, deberán prevalecer sempre que aspiremos a seguir vivindo en democracia, ao amparo da lei e do Estado de Dereito”, afirmou o presidente da Cámara galega.
 
Santalices concluíu o seu relatorio convidando aos participantes a analizar se o protocolo actual contempla para deputadas e deputados un tratamento acorde coa representación democrática e institucional que as urnas lles outorgan.
 
Durante a súa intervención Santalices Vieira compartiu tamén datos referidos á historia do Parlamento e aos cambios rexistrados ao longo dos 36 anos transcorridos desde a sesión constitutiva da Cámara, que tivo lugar o 19 de decembro e 1981 no Pazo de Xelmírez, cedido polo Arcebispado de Santiago de Compostela.
 
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas