O presidente do Parlamento celebra que Galicia teña reforzado as competencias e a independencia do Valedor do Pobo e do Consello de Contas

• A sede do Parlamento de Galicia acolle desde hoxe as XXXII  Xornadas de coordinación de defensores do pobo, organizadas polo Valedor do Pobo
 
• Santalices recorda que a sociedade presenta “redobradas demandas de  transparencia, honestidade e eficiencia no uso dos recursos públicos”

Santiago, 3 de outubro de 2017.- “Fronte aos que, aquí e noutras latitudes, reclamaban suprimir órgamos como o Valedor do Pobo ou o Consello de Contas, Galicia optou por reforzar as súas competencias e blindar a súa independencia”. Así o manifestou esta mañá o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, no acto inaugural das XXXII Xornadas de coordinación de defensores do pobo, que se celebran desde hoxe no Pazo do Hórreo, organizadas polo Valedor do Pobo.
 
Explicou o presidente do Lexislativo galego  que os cambios sociais rexistrados nos últimos anos, xunto coa crise económica, implican “redobradas demandas de  transparencia, honestidade e eficiencia no uso dos recursos públicos”.
 
Xestionar con honestidade e eficiencia
 
Por iso, en opinión de Santalices, “xestionar con honestidade e eficiencia –como viñeron facendo a inmensa maioría dos cargos públicos e tamén os responsables das empresas do sector privado- non resulta suficiente nos nosos días. A estas lóxicas e crecentes esixencias legais e éticas súmase un deber de transparencia”, que no caso galego se plamou en diferentes textos legais.
 
Entre as normas aprobadas pola Cámara galega no ámbito da rexeneración democrática, o presidente do Lexislativo destacou a lei de transparencia e bo goberno, e a de reforma do Consello de Contas. Nos dous casos, “Galicia optou por reforzar a independencia e as funcións de dous órganos que contaban con acreditada experiencia e un elevado recoñecemento social, dado o rigor co que teñen traballado desde os seus inicios. Evitouse, desta forma, xerar novas estructuras que terían consumido recursos económicos adicionais, e aproveitouse ademais e experiencia de servidores públicos altamente cualificados, pero tamén de probada independencia e rigor no exercicio das funcións encomendadas”.
 
Salvagarda do interese xeral
 
O reforzamento do Valedor do Pobo, ao que se atribuíron funcións de Comisionado de Transparencia; e do Consello de Contas, con novas competencias en materia de prevención da corrupción, enmárcase, a xuízo de Santalices, no reforzamento da “salvagarda do interese xeral, dos intereses e dereitos” da cidadanía.
 
Para o presidente do Parlamento de Galicia, “cando se trata de velar polo cumprimento da legalidade e defender os dereitos dos cidadáns, racionalizar é sempre mellor ca suprimir. A nosa experiencia, alomenos, así o indica”
 
Santalices puxo tamén en valor o traballo desenvolvido pola institución do Valedor do Pobo, que “goza dun crecente prestixio e respecto en Galicia, unha aceptación  que medra co paso do tempo  e que é consecuencia lóxica do rigor e a independencia co que a actual valedora, e os seus antecesores no cargo, exerce as súas responsabilidades”.
 
Obriga de exemplaridade
 
O titular da Cámara galega rematou a súa intervención reflexionado sobre a situación política actual. “Corren malos tempos para o Estado de Dereito en España –dixo- e todos temos a obriga de  contribuír, na medida das nosas posibilidades, a superar esta situación. Sobre os servidores públicos recae un especial deber de exemplaridade no noso comportamento, pero tamén unha obriga reforzada de cumprir e facer cumprir a Constitución e todas as leis que dela se derivan”.
 
Para Santalices, “á marxe do Dereito só quedan a arbitrariedade e o totalitarismo. E esas non poden ser as bases do futuro que leguemos aos que nos sucedan”.
 
 
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas