Declaración institucional sobre o cumprimento da sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo sobre o Sáhara Occidental

 
O pasado 21 de decembro de 2016, o Tribunal de Xustiza Europeo emitiu sentenza no sentido de que o Sáhara Occidental non forma parte do Reino de Marrocos, o que significa que ningún acordo comercial entre a Unión Europea e Marrocos é aplicable no Sáhara Occidental e que non se pode establecer ningunha actividade comercial, nin exportar os recursos naturais do Sáhara Occidental sen o consentimento do pobo saharauí.
 
Esta sentenza é de obrigado cumprimento por parte das autoridades europeas e estatais, e é tamén un deber, ademais de a respectar, dala a coñecer á cidadanía para a súa correcta aplicación. Así mesmo, segundo a resolución 2285 do Consello de Seguridade da ONU de abril de 2016, o logro dunha solución política e a mellora da cooperación entre os Estado do Magreb contribuirán á estabilidade e á seguridade da rexión.
 
Como xa se lembrou en anteriores ocasións, o 26 de febreiro de 1976 España puxo fin á súa presenza no territorio do Sáhara Occidental, deixando inconcluso o proceso de descolonización que xa estaba en curso no marco da ONU e afirmando que o Estado español ten unha responsabilidade histórica, xurídica e moral co pobo saharauí.
 
Por todo o anterior, o Parlamento de Galicia:
1. Chama a que se respecte e se cumpra a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 12 de decembro de 2016, onde se establece que os acordos de asociación e liberalización entre Marrocos e a Unión Europea non son de aplicación ao territorio do Sáhara Occidental.
 
2. Expresa a súa preocupación sobre a explotación dos recursos naturais do Sáhara Occidental, incluíndo por parte de compañías europeas, en contradición co dereito internacional e europeo; insiste en lembrar a ilegalidade de calquera actividade comercial co Sáhara Occidental sen o consentimento do pobo saharauí.
 
3. Fai un chamamento a compañías europeas, españolas e galegas para que actúen de conformidade co dereito internacional e europeo, de xeito que cesen as actividades que poidan favorecer a perpetuación da ocupación marroquí do Sáhara Occidental e a explotación dos seus recursos naturais e urxe a todas as autoridades a implantar a lexislación vixente, con base na recente sentenza do TXUE.
 
4. Súmase á corrente de solidariedade coa que a sociedade galega leva anos exixindo unha solución política xusta, duradeira e mutuamente aceptable a través dun referendo de autodeterminación que poña fin ao conflito do Sáhara Occidental.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2016
 
 
 
 

Imaxes relacionadas