Acordos da Comisión 1.ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, na súa sesión do 18 de xaneiro de 2017

Procedementos de control e impulso
Proposicións non de lei en Comisión
 

Aprobación sen modificacións
 
- 820 (10/PNC-000070)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Díaz Mouteira, María Sol e 5 máis
Sobre a convocatoria polo Goberno galego dunha nova orde de axudas para o ano 2017 que colabore co labor que  está realizando o asociacionismo veciñal en Galicia. (Procedemento de urxencia)
BOPG n.º 10, do 09.11.2016
 
Sométese a votación e resulta aprobada sen modificacións por 7 votos a favor, 2 votos en contra e 3 abstencións.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia convocar unha nova orde de axudas para o exercicio 2017 que colabore co importante labor que se está realizando polo asociacionismo veciñal en Galicia”.
 

Aprobación por unanimidade con modificacións
 
- 968 (10/PNC-000086)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Vilán Lorenzo, Patricia e 2 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación cos problemas xurdidos con motivo da posta en marcha das notificacións telemáticas a través do sistema Lexnet na Administración de xustiza
BOPG n.º 15, do 16.11.2016
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.

O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a constituír comisións de seguimento en Galicia, para evitar que se poidan poñer en perigo os dereitos á tutela xudicial efectiva e á seguridade xurídica."
 

- 1116 (10/PNC-000103)
Grupo Parlamentario de En Marea
Chao Pérez, Luca
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia en relación coa cooperación galega ao desenvolvemento
BOPG n.º 18, do 23.11.2016
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1.- Asegurar a previsibilidade e continuidade das distintas liñas de convocatorias públicas en concorrencia competitiva previstas no III Plan Director de Cooperación Galega e dirixidas aos distintos axentes de cooperación.
 
2.- Establecer compromisos orzamentarios plurianuais asegurando índices de execución orzamentarios de polo menos o 90%."
 

- 1368 (10/PNC-000136)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Rodil Fernández, Olalla e 5 máis
Sobre a creación dun novo xulgado do social no partido xudicial de Lugo e, namentres, o
nomeamento dun ou dunha xuíz de reforzo
BOPG n.º 21, do 29.11.2016
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1.-Que demande do Goberno central a creación dun novo xulgado do social en Lugo cando, a criterio da Comisión Mixta entre o Tribunal Superior e a Xunta de Galicia, existan as condicións obxectivas de necesidade para a dita creación.
 
2.- Que solicite ao Consello Xeral do Poder Xudicial e ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o nomeamento dun/ha maxistrado/a de reforzo para os xulgados do social na Provincia de Lugo."

- 2454 (10/PNC-000255)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Pontón Mondelo, Ana Belén e 5 máis
Sobre a demanda do Goberno galego ao Goberno español respecto das discriminacións das persoas con discapacidade que desexan contraer matrimonio
BOPG n.º 36, do 28.12.2016
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a dirixirse ao Goberno español e demandarlle que revoque a modificación do artigo 56 do Código Civil e 58 do Rexistro Civil e se substitúan por un texto consensuado coas asociacións de persoas con discapacidade."
 

- 2592 (10/PNC-000267)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Prado del Río, Paula e 6 máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia destinadas á elaboración dos distintos modelos de pregos de contratos públicos que incorporen as innovacións contidas na normativa galega, así como as guías que a desenvolveron e as novidades que incorpore a lexislación básica
BOPG n.º 36, do 28.12.2016
 
Sométese a votación e resulta aprobada con modificacións respecto do texto orixinal, pola unanimidade dos 12 deputados e deputadas presentes.
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a completar e publicar no 2017 os distintos modelos de pregos de contratos públicos, que deberán incorporar todas as innovacións contidas tanto na normativa galega e nas guías que a desenvolven como as novidades que incorpore a lexislación básica, así como a revisalas e actualizalas, cando fose procedente, con carácter anual."
 
 
Saúdos. Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia
 

Imaxes relacionadas