Santalices, na Ofrenda ao Apóstolo: “debemos seguir prestando atención, con máis intensidade se cabe, ás persoas e as súas necesidades”

 

• “Sirva esta invocación para renovar o mellor das nosas tradicións e compartir contigo, señor Santiago, preocupacións, anhelos e esperanzas, pero plenamente consciente de que é á sociedade e aos responsables públicos a quen nos corresponde afrontar os problemas cotiáns”, afirmou o delegado rexio

• Encomenda a todos os enfermos, cunha mención especial aos enfermos mentais e ás súas familias, e tamén ás persoas con algún tipo de discapacidade
 
• Reivindica “a política que procure o entendemento e se afaste de calquera tentación excluínte ou totalitaria”, sempre “desde unha honradez e moralidade intachables”

Santiago, 25 de xullo de 2016. “Os que temos responsabilidades políticas en Galicia, en España e en Europa debemos seguir prestando atención, con máis intensidade se cabe, ás persoas e ás súas necesidades; estar máis presentes na rúa para poñernos no lugar dos que viven marxinados. Tamén así fariamos fronte ao euroescepticismo que tanto nos ocupa e preocupa. Porque unha Europa máis social será máis Europa e máis querida por todos”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, que hoxe exerceu como delegado rexio na presentación da Ofrenda Nacional ao Apóstolo na Catedral de Santiago.
 
Na Ofrenda, instaurada por Felipe IV en 1643, o presidente do Parlamento de Galicia sinalou que “lonxe de eludir responsabilidades, quero comezar recoñecendo os erros cometidos e pedindo desculpas por eles”. “Sirva esta invocación –agregou– para renovar o mellor das nosas tradicións e compartir contigo, señor Santiago, preocupacións, anhelos e esperanzas, pero plenamente consciente de que é á sociedade e aos responsables públicos a quen nos corresponde afrontar os problemas cotiáns”.
 
Vixencia do Camiño de Santiago
 
Apuntou a plena vixencia do Camiño de Santiago, “memoria histórica dunha Europa que se segue construíndo día a día, pese a puntuais altibaixos”,  e que mantén intacta a súa “capacidade inspiradora para este vello continente, esta Europa ás veces orfa e, á vez, necesitada de referentes aglutinadores”.
 
O delegado rexio recordou a todas as persoas que padecen “inxustizas, persecución e tiranías limitadoras dos dereitos humanos” e alzou a súa voz fronte ás “situación crudelísima do terrorismo e das guerras, a maioría libradas entre irmáns, producindo danos, mortes, desolación e forzadas migracións”. Lembrou neste punto as frecuentes denuncias do Papa Francisco, “cuxo liderado moral traspasa crenzas e fronteiras”.
 
Vítimas da crise
 
“No noso país merecen especial atención as persoas maiores, que nos deron a súa vida e construíron para nós un futuro mellor que o seu presente; as mulleres maltratadas, vítimas do medo e do silencio; os que perderon o seu traballo e a súa vivenda castigados por unha situación económica devastadora; os mozos e mozas que dedican anos de esforzo  a unha formación que non sempre se traduce nunha inserción laboral acorde coas súas expectativas; e os emigrantes, especialmente os de idade avanzada ou os que residen en países con maiores dificultades que as nosas”, agregou Santalices.

O delegado rexio tamén encomendou ao Apóstolo Santiago “a todos os enfermos, para que poidamos seguir atendendo as súas necesidades, dúbidas e peticións, pois é cando a enfermidade se acerca á nosa vida cando máis indefensos e vulnerables nos sentimos”. Fixo unha mención especial aos enfermos mentais e ás súas familias, “en ocasións, damnificados da incomprensión”; e tamén ás persoas que padecen algún tipo de discapacidade.
 
Referiuse, do mesmo xeito, aos profesionais sanitarios, “os meus compañeiros, que exercen o seu traballo con responsabilidade, dedicación e vocación, nun dos sectores máis sensibles da sociedade, convertendo o noso sistema sanitario en referencia de calidade e atención”; e tamén ao persoal docente e do resto dos servizos públicos, “sempre merecedor de respecto e recoñecemento por un labor esencial”; e a “todas as persoas que velan pola nosa seguridade e benestar”.
 
O oferente pediu “acerto para os que lexislamos e para  os que asumen a responsabilidade de gobernar” para facelo “na mellor concordia e sabedoría, procurando o ben común, mellorando as deficientes situacións políticas e sociais. E todo iso desde unha honradez e moralidade intachables”.
 
Procurar o entendemento
 
Na súa condición de presidente do Parlamento de Galicia, Santalices Vieira reivindicou “a política con maiúsculas, pero tamén rexeitar con contundencia calquera comportamento indebido. Reclamo a política feita polas persoas e para as persoas; a política que procure o entendemento e se afaste de calquera tentación excluínte ou totalitaria”.
 
Tivo tamén presente o oferente o Rei Felipe VI e a súa familia, para os que invocou a protección do Apóstolo, ao tempo que fixo votos por un “reinado fecundo, no que a prosperidade chegue a todos os fogares”.
 
Tres anos despois do accidente ferroviario de Angrois, o delegado rexio recordou as vítimas e as súas familias, e deixou testemuño de agradecemento para todas as persoas que participaron, daquela, no dispositivo de emerxencia e asistencial.
 
A lingua galega, un tesouro
 
Coincidindo co primeiro centenario do creación das Irmandades da Fala, “na que participaron moitos galeguistas cristiáns”, Santalices Vieira fixo votos para “que a Igrexa Galega –clero e laicos–, en comuñón coa Igrexa universal, manteña a acentúe a súa sensibilidade respecto ao idioma e a cultura que nos  identifican como pobo”.
 
Nunha intervención bilingüe, “orgulloso da miña terra e das súas xentes”, Santalices definiu a lingua galega como un “tesouro”, “un sentimento que forma parte de todos os galegos e galegas”.  “É a lingua dun pobo forxado  con madeira, pedra e ferro, pero tamén con versos, lenzos e ciceis”, dixo.
 
O delegado rexio homenaxeou a “Galicia plural, aberta, espiritual, fermosa e agarimosa; a Galicia universal”. Admitiu, para rematar a Ofrenda ao Apóstolo, que “é moito o que pido e pouco o que somos quen de ofrecer. Pero, con boa vontade, e túa axuda, todo é posible”.
 
 
 
 
 

Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas