O presidente do Parlamento de Galicia reivindica o valor da lusofonía para galegos e portugueses

 
• Santalices Vieira participa na inauguración da Exposición “54 páxinas das nosas letras” no marco da conmemoración do 40 aniversario da Asemblea Lexislativa dos Azores
 
•  “As linguas galega e portuguesas son intercomprensibles, e iso outórganos vantaxes competitivas que podemos e debemos poñer en valor”
 
Santiago, 20 de xullo de 2016.-  Despois de moitas décadas vivindo de costas, “Galicia e  Portugal enterraron para sempre os recelos mutuos e apostan, nun camiño sen retorno, pola cooperación como territorios irmáns que son”. Son palabras do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, na inauguración da exposición “54 páxinas das nosas letras” aberta ao público desde esta tarde na sede da Asemblea Lexislativa dos Azores, no marco da conmemoración do 40 aniversario das institucións de autogoberno deste arquipélago luso.
 
Recordou Santalices Vieira que en marzo de 2014, o Parlamento de Galicia aprobou unha lei, de iniciativa popular, para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía. “Unha lei –afirmou- para sacar proveito dun feito real: as linguas galega e portuguesa son intercomprensibles, e iso outórganos vantaxes competitivas que podemos e debemos poñer en valor nun momento no que o portugués e o español disputan protagonismo ao inglés en amplas áreas xeográficas”.
 
Por esta razón, explicou o presidente do Parlamento, “os galegos somos en sentímonos privilexiados” porque as dúas linguas oficiais permiten a comunicación co mundo da lusofonía, cos seus 250 millóns de lusofalantes; e cos arredor de 500 millóns de persoas que falan castelán.
 
A mostra ”54 páxinas das nosas letras”, organizada polo Parlamento de Galicia, coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega, xurdiu para divulgar a obra dos escritores homenaxeados en cada unha das edicións do Día das Letras Galegas. Trasladouse aos Azores respondendo a unha invitación da Asemblea Lexislativa do Arquipélago no marco do seu 40 aniversario.
 
Autogoberno consolidado
 
Santalices Vieira fixo referencia a esta conmemoración sinalando que tanto Galicia como os Azores  exercen unha capacidade de autogoberno “plenamente consolidada”. “Tanto Azores como Galicia poden gabarse dos resultados do seu autogoberno”, dixo.
 
Apuntou tamén o presidente do Parlamento que malia os paralelismos históricos de galegos e azorianos –territorios atlánticos, elevada actividade agrícola e pesqueira, emigración e lingua- e que o arquipélago era parada obrigada para algunhas rutas marítimas entre Galicia e América, “os nosos dous pobos viviron case de costas”, unha dinámica coa que se pretende rachar.
 
Vínculos entre intelectuais galegos e portugueses
 
Previamente, na sede da Asemblea lexislativa dos Azores presentáronse dous volumes coeditados polo Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega. Trátase da Ediçao polyglota impresa en Lisboa en 1894 do poema de Antero  “Zara”, na que, ao carón doutras 47, aparece  a tradución ao galego realizada por Curros Enríquez, reproducido a partir dun orixinal facilitado pola Fundación Manuel Curros Enríquez, de Celanova;  e do opúsculo titulado Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas, integrado por cadanseu traballo do profesor Alonso Montero e da profesora García Turnes.
 
O presidente do Parlamento de Galicia xustificou a edición destas dúas obras no feito de que “moito antes de que as autoridades políticas descubriran o potencial da cooperación transfronteiriza, os homes de letras dos dous países xa se coñecían, trataban e mantiñan intercambios enriquecedores paras nosas culturas”.
 
Por iso, cando se recibiu a invitación da Asemblea dos Azores “tivemos claro que deberíamos reivindicar o protagonismo de persoas como Antero de Quental e Teófilo Braga, dous escritores portugueses oriúndos desas illas e que mantiveron vínculos coa intelectualidade galega do seu tempo.
 
Vocación europeísta
 
Santalices Vieira concluíu a súa intervención reivindicando a “vocación europeísta dos nosos pobos”. Ao seu xuízo, “Portugal e España, Azores e Galicia, estamos en débeda con Europa por todo o que nos ten axudado”.
 
“Os nosos pobos –agregou- teñen dado un salto de xigante logo da adhesión europea e non me doen prendas en recoñecer ese logro que me gustaría preservar e potenciar para poder legalo ás xeracións que nos sucedan. Como toda obra humana, o proxecto europeo precisa dunha posta ao día que ninguén discute. Pero fagámolo entre todos, para mellorar, xamais para retroceder a aquela Europa fragmentada polas fronteiras físicas e mentais que todos lembramos”.
 
Recoñecemento europeo
 
Esta iniciativa de cooperación cultural entre o Parlamento de Galicia e a Asemblea Lexislativa dos Azores acaba de ser recoñecida coa primeira edición do premio convocado pola CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas) para impulsar o desenvolvemento de proxectos conxuntos entre as 74 cámaras rexionais que integran esta organización. O premio recoñece a orixinalidade dun proxexto pioneiro no ámbito europeo.
 
“Recibimos este premio compartido con orgullo e como un estímulo para seguir avanzando nesta liña, a da cooperación, o entendemento e a concordia entre os pobos”, afirmou Santalices Vieira en presenza da súa homóloga dos Azores.
 
Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.
 

Imaxes relacionadas