A Asemblea Lexislativa dos Azores convida ao Parlamento de Galicia á celebración do 40 aniversario da autonomía do arquipélago

• Unha delegación da Cámara galega inaugura este mércores en Horta a exposición “54 páxinas das nosas letras”, entre outras actividades encamiñadas a impulsar as relacións entre as dúas rexións no marco da lusofonía
 
• Parlamento de Galicia, Xunta de Galicia e Real Academia Galega editan un facsímil da edición políglota de Zara e un estudo sobre Antero de Quental e Teófilo Braga e a súa relación coas letras galegas

Santiago, 17 de xullo de 2016.- O Parlamento de Galicia participará, convidado pola Asamblea Lexislativa dos Azores, nos actos conmemorativos do 40 aniversario da autonomía do arquipélago que se celebra ao longo deste ano (a primeira Asemblea Lexislativa dos Azores tomou posesión o 4 de setembro de 1976).
 
Atendendo a esta invitación, unha delegación da Cámara galega, encabezada polo presidente Miguel Ángel Santalices Vieira, inaugurará, este mércores, 20 de xullo, na sede da Cámara Lexislativa dos Azores, a exposición “54 páxinas das nosas letras”, unha mostra que xa percorreu diferentes vilas e ciudades galegas, así como Madrid, Barcelona, Bruxelas, Buenos Aires e Montevideo e ten como obxectivo a posta en valor da figura e obra dos escritores homenaxeados no Día das Letras Galegas.
 
Previamente, ese mesmo día, presentaranse  dúas publicacións –editadas polo Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega- centradas na relación intelectual, no século XIX, entre as letras galegas e dúas grandes personalidades de Portugal, nadas en Ponta Delgada, Azores: Antero de Quental e Teófilo Braga.
Trátase dun facsímil da edición políglota de ZARA, un poema de Antero de Quental traducido en 48 idiomas, entre eles o galego cunha traducción efectuada por Curros Enríquez. A edición facsimilar foi posible a partir dun dos escasos exemplares daquela edición de 1894, facilitado pola biblioteca da Fundación Manuel Curros Enríquez  (Celanova, Ourense). O segundo dos volumes leva por título Antero de Quental e Teófilo Braga e  a súa relación coas letras galegas, obra do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e da profesora Beatriz García Turnes. 
 
Ao día seguinte, presentarase o libro Emigración e exilio nos Estados Unidos de América: experiencia de Galicia e Azores, editado polo Consello da Cultura Galega.
 
Vínculos coa lusofonía
 
A invitación da Asemblea Lexislativa dos Azores prodúcese dous anos despois da aprobación, polo Parlamento de Galicia, da Proposición de lei de inciativa lexislativa popular Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.
 
O artigo 3 da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía sinala que “deberán ser promovidas, así mesmo, as relacións a todos os niveis cos países de lingua oficial portuguesa” e que deberá fomentarse “a particicipación das institucións en foros lusófonos de todo tipo”.
 
Recoñecemento Europeo
 
Esta iniciativa de colaboración cultural entre o Parlamento de Galicia e Asemblea Lexislativa dos Azores vén de ser recoñecida en Europa, xa que esta mesma semana lle foi comunicada a concesión do premio da CALRE na súa primeira edición. Este galardón foi creado para recoñecer as principais iniciativas de cooperación entre os diferentes parlamentos rexionais europeos en materia cultural, económica e social.
 
O premio será entregado a finais do vindeiro mes de novembro den Ispra (Italia), coincidindo doa celebración do plenario anual da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas