Santalices subliña que os deputados deben “escoitar á sociedade” e aposta por afondar nos mecanismos de participación cidadá

- Inaugurou unha xornada sobre “O Parlamento ante o reto da participación cidadá” na que participaron expertos do mundo do dereito, a comunicación e os movementos sociais

Santiago, 1 de xullo de 2016.- O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, considera que o traballo dos deputados e deputadas debe desenvolverse non só en sede parlamentaria, senón tamén “fóra, na rúa”, porque os representantes públicos teñen o deber de “escoitar á sociedade”, entre outras razóns, para mellorar calidade da producción lexislativa.

Na inaguración da xornada titulada “O Parlamento ante o reto da participación”, na que se dan cita expertos do mundo do dereito, a comunicación e os movementos sociais, Santalices amosouse convencido de que as novas posibilidades de participación cidadá non supoñen menoscabo para a función dos deputados e deputadas.

Santalices Vieira confesouse ilusionado coa tarefa de incrementar a participación cidadá e recordou o esforzo desevolvido pola Cámara galega nesta dirección.

Acurtar os tempos de tramitación

Sinalou como exemplos a reforma do Regulamento do Parlamento, que permite, entre outras novidades, “acurtar os tempos” para a tramitación de iniciativas, a reforma da lei do Consello de Contas e prevención da corrupción, a lei de transparencia e bo goberno e a lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá, entre outras.

Da lei de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá, destacou a modalidade “Lexisla con Nós”, que permite a calquera cidadán efectuar propostas durante o proceso de tramitación lexislativa; a reducción do número de sinaturas necesarias para a tramitación das iniciativas lexislativas populares (que pasou de 15.000 ás 10.000 requiridas na actualidade); a posibilidade de que a cidadanía poda presentar iniciativas de impulso a través de proposicións non de lei avaladas por 2.500 sinaturas (a primeira foi aprobada por unanimidade no Pleno celebrado esta semana); ou a posibilidade de dirixir preguntas ao Parlamento para que sexan formuladas á Xunta.

A xornada inaugurada esta mañá polo presidente da Cámara galega foi organizada co obxectivo de analizar as novas posibilidades derivadas da entrada en vigor da Lei 7/2015, de iniciativa lexislativa popular e participación cidadá, que converteu a Galicia nunha das Comunidades máis avanzadas nesta materia.

Santalices Vieira estivo acompañado, na inauguración, polo coordinador da actividade, o profesor José Julio Fernández Rodríguez, da Universidade de Santiago de Compostela.

Programa da xornada

De seguido, Roberto L. Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela, pronunciou un relatorio titulado “Sistema representativo e a crise da democracia de partidos”. A xornada continuou coa intervención do profesor Miguel Pérez-Moneo, da Universidade de Barcelona, que disertou sobre “O Parlamento 3.0”.

Logo destes relatorios tivo lugar unha mesa redonda na que se analizou “A visión da cidadanía”, moderada por José Julio Fernández Rodríguez e na que interviron Miriam Garabito Cociñas, presidenta de UNICEF Galicia; Susana López Carbia, xornalista; Noela Rey Méndez, experta en comunicación e redes sociais; e Luis Barreiro Carballal, activista social e doutor en Dereito.

De seguido, o letrado oficial maior da Cámara galega, Xosé Antón Sarmiento Méndez, disertou sobre os novos instrumentos de participación no Parlamento de Galicia.

A vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Marta Rodríguez Arias, foi e encarga de clausurar a xornada.
 

Saúdos,
Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas