A presidenta do Parlamento reivindica o “espírito de consenso” no que naceu a Constitución española

 
• Participou, na Subdelegación do Goberno en Pontevedra, no acto institucional do Día da Constitución
 
Santiago, 6 de decembro de 2015.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, reivindicou este mediodía o “espírito de consenso no que naceu” a vixente Constitución española, no acto institucional celebrado na Subdelegación do Goberno en Pontevedra para celebrar o aniversario da Carta Magna.
 
A titular do lexislativo galego recordou a “amplísima maioría” coa que o pobo español ratificou a Constitución de 1978, amosándose convencida de que “debemos lembrar e manter o legado desa época tan frutífera na historia de España”.
 
A xuízo de Rojo Noguera, o núcleo básico da Carta Magna susténtase  “na liberdade, na xustiza, no pluralismo, na igualdade e na dignidade da persoa”, “verdadeiros alicerces da nosa lei básica”.
 
Valorou a presidenta do Parlamento galego o “acerto” dos pais da Constitución, que fixo posible superar os erros do pasado e ofreceu “bases firmes para o actual réxime político democrático, aberto e capaz de incluír no seu ámbito opcións diversas que reflicten a propia heteroxeneidade social”.
 
Na súa intervención, a presidenta do Parlamento felicitou aos condecorados no transcurso do acto, destacando que os feitos que os fixeron merecedores das distincións “son un exemplo para todos”.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas