O Parlamento de Galicia acollerá unha xornada de concienciación sobre as enfermidades renais

 
• Será o mércores 11 de marzo, na véspera do Día Mundial do Ril, coa colaboración da Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo
 
Santiago, 9 de febreiro de 2015.- O Parlamento de Galicia acollerá o vindeiro 11 de marzo, mércores, unha xornada de concienciación sobre a enfermidade renal, un conxunto de doenzas que afectan xa a máis do 10% da poboación mundial.
 
A xornada celebrarase coincidindo co Pleno do Parlamento de Galicia e na véspera do Día Mundial do Ril (12 de marzo). Está organizada coa colaboración da Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo e contará coa participación de médicos especialistas e persoal de enfermería que realizarán ás persoas que o desexen (deputados, xornalistas acreditados e persoal da Cámara) unhas sinxelas probas para valorar o seu risco renal, ademais de achegar recomendacións para fomentar a prevención destas doenzas. 
 
A enfermidade renal crónica pódese detectar doadamente desde o seu inicio. Análises de ouriños e sangue e a medición da presión arterial poden amosar signos temperáns de problemas renais. En tal caso é posible retardar ou mesmo deter a progresión da deterioración dos riles.
 
Tamén se poden previr as enfermidades cardiovasculares tomando os medicamentos axeitados para controlar a presión arterial, a mellora do control da diabetes e a modificación dalgúns hábitos de vida.

 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas