Pilar Rojo traspasa a Presidencia da CALRE ao titular do Consello Rexional de Lombardía co reto de seguir traballando para reforzar a influencia dos parlamentos rexionais

 
• “Mellorar a dimensión rexional en Europa a través da integración das rexións con poder lexislativo no funcionamento das institucións europeas”, foi o obxectivo da CALRE 2014 presidida por Pilar Rojo
 
• Condena o ataque integrista contra a revista Charlie Hebdo e reitera que “nada nin ninguén nos fará retroceder un ápice na defensa de dereitos esenciais como a liberdade de expresión”

Santiago, 13 de xaneiro de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, traspasou hoxe ao titular do Consello Rexional de Lombardía (Italia) Raffaele Cattaneo, a Presidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) co reto de continuar traballando para reforzar a influencia dos 74 parlamentos rexionais integrados nesta organización.
 
Pilar Rojo sinalou que a propia Comisión Europea recoñeceu no inicio do mandato de 2014 “a xerarquización de prioridades políticas como base dunha Unión mellor e con obxectivos máis claros só pode funcionar se procede dunha asociación entre as institucións europeas e os estados membros”.
 
No traspaso formal da Presidencia da CALRE, celebrado na sede do Consello Rexional de Lombardía, en Milán, púxose de manifesto que a organización que aglutina aos parlamentos rexionais europeos constitúe, a xuízo de Rojo Noguera, “un elemento clave para dotar a Europa de lexitimidade democrática, xa que representa o nivel de goberno máis próximo aos cidadáns”.

Balance
 
Ao facer balance sobre o traballo desenvolvido como presidenta da CALRE 2014, Pilar Rojo apuntou que o seu obxectivo consistiu en promover a democracia, os dereitos humanos e unha gobernanza de proximidade encamiñada  a “mellorar a dimensión rexional en Europa a través da integración das rexións con poder lexislativo no funcionamento das institucións europeas”.
 
O establecemento de iniciativas de cooperación con outras institucións traduciuse en negociacións avanzadas co Comité das Rexións para acadar un maior peso da CALRE no seu funcionamento interno.
 
No ámbito internacional, desde a Presidencia da CALRE 2014 impulsáronse as relacións institucionais coa rede de parlamentos rexionais de Brasil (UNALE);  coa Confederación de parlamentos das Américas (COPA); co Foro Comunitario de representantes dos consellos locais de Taiwán (TCF); coa Alianza de Conselleiros Locais Xaponeses; e coa Conferencia Nacional das Lexislaturas Estatais (NCSL) de Estados Unidos. Representantes destas organizacións participaron na Asemblea Xeral da CALRE celebrada en Santiago de Compostela en novembro pasado.
 
“Na Unión Europea –afirmou Pilar Rojo-, as autoridades rexionais e locais gozan dun maior recoñecemento para facer fronte  aos retos actuais, especialmente a través do exercicio do principio de subsidiariedade”. Sen embargo, “queda moito por facer, en particular á hora de participar no procedemento lexislativo europeo desde as súas fases previas”.
 
Protagonismo para os parlamentos rexionais
 
Por iso, Pilar Rojo volveu reclamar un maior protagonismo para os parlamentos rexionais que, “deberían formar parte activa no proceso á hora de destacar as especificidades de cada territorio e preservar as súas competencias”.
 
De cara ao novo período de programación financeira da UE 2014-2020, a CALRE deberá traballar tamén “polo uso efectivo dos fondos  destinados ás súas rexións na búsqueda do equilibrio social, en particular apoiando aos mozos e loitando pola igualdade de xénero”, apuntou Pilar Rojo.
 
Outro dos retos apuntados pola presidenta saínte da CALRE pasa por acadar unha “correcta aplicación” do principio de subsidiariedade, así como “promover o traballo en rede para favorecer o intercambio de información” para a mellora das boas prácticas.
 
Europa “non pode claudicar” ante o terrorismo
 
Pilar Rojo condenou o “vil ataque” perpetrado a semana pasada en París contra a revista Charlie Hebdo e apuntou que Europa “non pode claudicar” ante a ameaza do terrorismo.
 
“Valores como o respecto mutuo e a tolerancia, sobre os que se sustenta esta Europa nosa, unida na diversidade –afirmou Rojo Noguera-, deben seguir alentando a convivencia pacífica, pero tamén deben servirnos de acicate para reiterar aos fanáticos que nada nin ninguén nos fará retroceder un ápice na defensa de dereitos esenciais como a liberdade de expresión, a igualdade e outros tantos, froitos dun esforzo de séculos que non podemos tirar pola borda”.
 
Logo de exercer a Presidencia anual da CALRE durante 2014, a Presidenta do Parlamento de Galicia desempeñará en 2015 a Vicepresidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas.

Imaxes relacionadas