O Parlamento de Galicia convoca a V edición do seu Concurso Escolar baixo o lema “En busca da Igualdade”

 
• Con esta iniciativa perséguese un maior coñecemento da institución parlamentaria entre a poboación escolar, ao tempo que se procuran actitudes e valores que estimulen a igualdade, a solidariedade e o respecto
 
• Fíxanse tres niveis de participación –educación infantil e educación especial, educación primaria e educación secundaria- e a preinscrición opcional está aberta ata o 19 de xaneiro, aínda que o prazo de entrega non  remata ata o 30 de abril de 2015
 
Santiago, 14 de decembro de 2014.- O Parlamento de Galicia acaba de convocar a V Edición do seu Concurso Escolar, que nesta edición terá como lema “En busca da Igualdade”, co que pretende incentivar entre os escolares galegos actitudes e valores de igualdade, de solidariedade e de respecto mutuos.
 
As bases deste concurso pódense consultar na web do Parlamento de Galicia (http://www.parlamento.gal/sitios/web/contenidogal/documentosdeinterese/ConcursoEscolar.aspx) e nel poderá participar todo o alumnado escolarizado en educación infantil e educación especial, educación primaria e educación secundaria.
 
A convocatoria estructúrase en tres modalidades diferentes: educación infantil e especial, educación primaria e educación secundaria. Os traballos deberán versar sobre aspectos relacionados coa Igualdade  e cada un deles deberá ser elaborado, obrigatoriamente, por un grupo de catro alumnos, esixencia orientada a incentivar o traballo en equipo. Cada clase só poderá presentar a concurso un traballo e cada centro educativo poderá participar cun máximo de cinco  traballos por cada unha das etapas educativas ás que se dirixe a convocatoria.
 
Cada grupo poderá elixir a técnica de expresión creativa que desexe: deseño dunha camiseta, relato curso, fotografías, vídeo ou vídeo xogo.
 
Premios
 
As bases da convocatoria determinan que se concederá un primeiro premio por cada un dos grupos gañadores nos tres niveis educativos, con independencia da técnica empregada (unha táboa dixital e un lote de libros para cada alumno ou alumna); e un segundo premio para cada un dos grupos que quede en segundo lugar (MP5 e un lote de libros para cada un dos alumnos e alumnas).
 
As clases dos grupos gañadores recibirán como premio unha excursión de carácter educativo para visitar un lugar significativo de Galicia. E cada profesor ou profesora que supervisaron os traballos gañadores serán galardoados cunha táboa dixital, mentres que os docentes que supervisaran os traballos finalistas recibirán un MP5 e un lote de libros.
 
Os centros educativos dos grupos gañadores recibirán un premio de 2.000 euros que deberán destinar á organización de actividades extraescolares ou actividades da biblioteca escolar.
 
Xurado
 
O xurado encargado de elixir aos gañadores e finalistas en cada unha das modalidades estará composto polos membros da Mesa do Parlamento de Galicia ou polos deputados e deputadas nos que estes deleguen, e por un ou unha docente
proposto polo Parlamento de Galicia.
 
O xurado deberá valorar entre os traballos presentados os seguintes criterios: imaxinación, creatividade e orixinalidade; grao de dificultade; e a correcta e clara transmisión da mensaxe.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas