O Parlamento acolle a presentación da edición en galego das Memorias históricas sobre a Australia, de Frei Rosendo Salvado


• Os presidentes do Parlamento, da Xunta e do Consello da Cultura galega participaron na presentación, na que tamén falou  o biógrafo de Salvado, Francisco Francisco Díaz-Fierros
 
• Pilar Rojo considera que con este libro, xurdido dun mandato parlamentario, “contribuímos a facer xustiza cunha figura histórica inxustamente esquecida”

Santiago, 12 de decembro de 2014.- O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá o acto de presentación da edición en galego do libro Memorias históricas sobre a Australia e particularmente sobre a misión beneditina de Nova Nursia e os usos e costumes dos australianos, obra de Frei Rosendo Salvado (Tui, 1814; Roma, 1900).
Coa edición deste volume, foito da colaboración entre o Parlamento de Galicia, a Xunta e o Consello da Cultura Galega, dase resposta a un acordo da Comisión 4ª, Educación e Cultura, da Cámara galega, ao tempo que “contribuímos a facer xustiza cunha figura histórica inxustamente esquecida”, en palabras de Pilar Rojo.
Na presentación do volume, cebrada no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia, interviron a titular do lexislativo galego, Pilar Rojo; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. Tamén falou Francisco Díaz-Fierros, biógrafo de Frei Rosendo Salvado.
 
Adiantado ao seu tempo
 
Na sua intervención, a presidenta do Parlamento apuntou que Frei Rosendo Salvado “foi un auténtico adiantado ao seu tempo; tan pioneiro como incomprendido por moitos dos seus coetáneos” Foi, en opinión de Pilar Rojo, “un home que defendeu aos aborixes desde o minuto cero, século e medio antes de que o Goberno australiano pedira perdón polo pasado”.”Falo, en fin, dun galego universal, merecente da honra que noutros tempos lle foi inxustamente disputada”.
A xuízo da titular do lexislativo galego, Frei Rosendo Salvado desenvolveu no século XIX en Australia un labor comparable ao de frei Bartolomé de las Casas, o Apóstolo dos Indios, na América hispana do século XVI. “Paradoxalmente, mentres toda a comunidade iberoamericana, empezando por España enteira, coñece e recoñece o labor de frei Bartolomé, frei Rosendo foi un gran descoñecido”, agregou Rojo Noguera.
O libro presentado constitúe a primeira edición en galego desta obra. Editouse inicialmente en italiano en 1851; en castelán dous anos máis tarde, en 1853; e en francés en 1854. A súa publicación en inglés non chegou ata 1977.

Imaxes relacionadas