Pilar Rojo: “O futuro de Europa pasa polo intercambio de experiencias e pola cooperación”


• O Parlamento de Galicia acolleu o acto de entrega de premios do concurso de fotografía aos participantes no programa Comenius Regio, unha inciativa de formación financiada pola UE e na que participan alumnos galegos e gregos
 
Santiago, 11 de decembro de 2014.- “Como presidenta da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE), que representa a 74 parlamentos de oito países europeos, podo afirmar con rotundidade que o futuro da Europa sen fronteiras na que vivimos pasa, en boa medida, polo intercambio de experiencias e pola cooperación”. Así o manifestou este mediodía titular do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, no acto de entrega dos premios de fotografía aos participantes no progama Comenius Regio, no que tamén participou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta, Xesús Vázquez Abad.
 
O programa Comenius Regio é unha iniciativa de formación financiada pola Unión Europea e na que participan o IES Campo de San Alberto de Noia e un centro de ensino secundario da rexión grega de Magnesia. O Parlamento de Galicia colabora neste proxecto, de dous anos de duración e  encamiñado a mellorar as futuras competencias profesionais do alumnado participante, desde unha óptica plural que procura a aprendizaxe cooperativa, ademáis de impulsar a implicación das familias e demais integrantes da comunidade educativa.
 
Na súa intervención, Pilar Rojo recordou que un recente estudo da Unión Europea sobre a experiencia do programa Erasmus conclúe que os estudantes que participaron nesta iniciativa teñen a metade de probabilidades de caer no paro de longa duración e que, cinco anos despois de remataren os seus estudos, presentan unha taxa de desemprego un 23% inferior á media. 
 
A mobilidade internacional do alumnado proporciona non só maiores coñecementos específicos e un maior dominio das linguas, senón tamén competencias transversais moi valoradas no mercado laboral, como tolerancia, autoconfianza, capacidade de iniciativa, habilidades para a resolución de problemas e unha actitude proactiva cara o traballo.
 
Oportunidade enriquecedora
 
Malia as diferencias entre o programa Erasmus e o Comenius Regio, “é evidente que os participantes nesta iniciativa, tanto o alumnado grego como o galego, viven unha oportunidade enriquecedora que contribuirá, sen dúbida, a mellorar as súas oportunidades laborais no futuro próximo”, aseverou Pilar Rojo.
 
A presidenta do Parlamento de Galicia rematou a súa intervención felicitando aos participantes nos cursos Aula Mentor e aos participantes e gañadores do concurso de fotografía.

Imaxes relacionadas