Pilar Rojo fai balance da CALRE 2014 no Comité das Rexións

 
• Destaca o “reforzamento” da colaboración entre a CALRE e as institucións europeas, o que incrementa a visibilidade dos parlamentos rexionais en Bruxelas
 
• Pilar Rojo e mailo presidente electo da CALRE, Raffaele Cattaneo, presentan ao Comité das Rexións unha proposta de colaboración para optimizar recursos

Santiago, 4 de decembro de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia e da CALRE, Pilar Rojo Noguera, presentou hoxe un balance do traballo desenvolvido durante este ano desde a Presidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas nunha reunión do Intergrupo de Rexións con Poder Lexislativo do Comité das Rexións.
 
Rojo Noguera, que exerce a Presidencia da CALRE ata xaneiro de 2015, acudiu a esta reunión convidada polo presidente do Intergrupo, Jean François Istasse. Explicou que a Presidencia da CALRE 2014 cumpriu en gran medida as expectativas e obxectivos fixados no programa de traballo inicial.
 
Reforzamento da colaboración coas institucións europeras
 
Destacou o “reforzamento” da colaboración entre a CALRE e as institucións europeas, aumentando a súa visibilidade, tanto  a través da celebración de reunións da propia organización na sede das institucións comunitarias, como a través da participación en diferentes foros europeos e encontros con responsables comunitarios, desde o presidente da Comisión Europea ata os presidentes das diferentes asociacións rexionais.
 
Así, a Presidencia da CALRE adheriuse á Carta de Gobernanza a Multinivel do Comité das Rexións, impulsou a cooperación co Congreso de Autoridades Locais e Rexionais do Consello de Europa, mantivo reunións con representantes das Nacións Unidas, e participou en convocatorias como o Foro Global comunitario de autoridades locais de Taiwán.
 
Tamén promoveu ao achegamento a entidades como  a Conferencia Nacional das Lexislaturas Estatais de Estados Unidos (NCSL), a Alianza de Conselleiros Locais Xaponeses, a Asemblea Nacional de Quebec ou a Conferencia Parlamentaria das Américas (COPA). Representantes destas entidades participaron na Asemblea Xeral da CALRE 2014 celebrada en Santiago a comezos de novembro pasado.

Principio de subsidiariedade
 
Entre os principais asuntos que centraron a axenda da CALRE neste período, Pilar Rojo referiuse ao reforzamento da aplicación do principio de subsidiariedade, aspecto que centrou varias xuntanzas encamiñadas a promover a participación dos parlamentos rexionais no proceso ascendente de formación do dereito da Unión Europea.
 
Explicou tamén Rojo Noguera o traballo desenvolvido polos catro grupos de traballo da CALRE: subsidiariedade, política de inmigración, e-democracia e política de cohesión. No ano 2015, a CALRE incorporará un quinto grupo de traballo, centrado nas políticas de igualdade de xénero.
 
En opinión de Pilar Rojo, a CALRE 2014 axudou tamén a “reforzar a credibilidade” da organización, un feito acreditado polo incremento da actividade durante este exercicio, pero tamén pola maior receptividade dos distintos parlamentos rexionais ás actividades e grupos de traballo impulsados.
 
“Unha gran maioría dos nosos parlamentos viven a CALRE como un instrumento útil e necesario para a súa acción exterior”, apuntou a presidenta do Parlamento de Galicia, que se amosou convencida de que o seu sucesor á fronte da CALRE 2015, o presidente do Consello Rexional de Lombardía, Raffaele Cattaneo, seguirá a potenciar o papel desta organización.

Comisaria de Política Rexional
Durante a mañá, Pilar Rojo asistiu tamén ao 109 Pleno do Comité das Rexións, que comezou onte. Pilar Rojo e mailo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta, Jesús Gamallo, saudaron á comisaria europea de
Política Rexional, Corina Cretu.
Proposta ao Comité das Rexións
 
A mediodía, Pilar Rojo e mailo presidente electo da CALRE, Raffaele Cattaneo, reuníronse co presidente do Comité das Rexións, Michel Lebrun, ao que trasladaron unha proposta de colaboración para optimizar recursos  e dar carta de natureza ao acordo verbal que permite á CALRE utilizar as dependencias do CdR, en Bruxelas, sen custe para os  parlamentos rexionais, entre outras medidas.

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas