Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 3 de decembro de 2014


4.3 28213 (09/PNP-002056)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Balseiro Orol, José Manuel
Sobre a necesidade de que a Xunta de Galicia asuma como propia a proposta de plan de xestión plurianual da sardiña elaborada e aprobada polo Consello Galego de Pesca
Publicación da iniciativa, BOPG nº 357, do 15.10.2014
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a asumir como propia a proposta de plan de xestión plurianual da sardiña elaborada e aprobada polo Consello Galego de Pesca, de tal xeito
que este sexa o documento de referencia para defendelo diante das comunidades autónomas e o Goberno central e no marco do proceso de negociación con Portugal e coa Comisión.»
 
4.4 29214 (09/PNP-002109)
Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia
Sánchez Bugallo, José Antonio, e tres deputados/as máis
Sobre o traspaso á Consellería de Economía e Industria dos parques empresariais de titularidade da Xunta de Galicia e de todas as parcelas dispoñibles, así como a presentación no Parlamento de Galicia dun plan para a xestión e dinamización do solo industrial existente no territorio galego
Publicación da iniciativa, BOPG nº 365, do 30.10.2014
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a que presente con carácter de urxencia un plan para a xestión e dinamización do solo industrial existente en Galicia, que recolla todas as medidas posibles orientadas a facilitar a adquisición, cesión ou alugueiro de solo por parte de empresas interesadas; e prestando especial atención á implantación de actividades por novos emprendedores e á captación de  investimentos. No dito plan incluiranse as medidas de apoio que serán postas en marcha a través do Igape.»
 
4.7 29827 (09/PNP-002166)
Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego
Adán Villamarín, María do Carme, e Pontón Mondelo, Ana Belén
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa artesanía de Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG nº 372, do 12.11.2014
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta o Goberno galego a:
 
1. Desenvolver medidas para a protección, promoción e posta en valor da artesanía galega. Así mesmo, establecerá os mecanismos de control necesarios para loitar contra o intrusismo profesional e preservar os obradoiros artesáns de prácticas industriais.
 
2. Trasladar ao Goberno do Estado a proposta de establecer beneficios fiscais para quen desenvolva actividades artesanais.
 
3. Trasladar ao Goberno do Estado a necesidade de equiparar a quen desenvolva actividades artesanais co réxime especial agrario ou do mar para efectos de seguridade social.»
 

4.8 30157 (09/PNP-002179)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Santalices Vieira, Miguel Ángel, e sete deputados/as máis
Sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en relación coa organización da cobertura asistencial sanitaria en materia cardiolóxica
Publicación da iniciativa pola vía de urxencia, BOPG nº 375, do 19.11.2014

 
O texto aprobado é o seguinte:
 
«O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a:
 
1. Dispoñer dun rexistro único de ámbito galego que recolla toda a información sobre morbi-mortalidade en relación co infarto agudo de miocardio.
 
2. Que os datos reflectidos no rexistro se teñan en conta para adaptar os recursos humanos e materiais ás necesidades asistenciais nas estruturas de xestión integrada.»
 

 

Imaxes relacionadas