Santalices clausura o programa Parlamento Xove 2014 reivindicando a lectura como clave para a madurez intelectual


 
• Na edición deste ano, os participantes debateron sobre  a lectura na era de Internet, e sobre seguridade e dereito á intimidade
 
Santiago, 26 de abril de 2014.- O vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, clausurou este mediodía a edición anual do Parlamento Xove 2014, un programa de debate que celebrou hoxe na Cámara galega a súa final e á vista do cal afirmou, dirixíndose ao alumnado participante, que “o futuro de Galicia está garantido, como demostrastes coas vosas intervencións, que certifican intelixencia e capacidade de traballo, ingredientes indispensables para o éxito”.  No acto tamén participou a  vicepresidenta segunda do Parlamento, María Soledad Soneira, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta, Ovidio Rodeiro.
 
Organizado pola Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de de Traballo e Benestar da Xunta, o programa Parlamento Xove contou, nesta edición, con dous asuntos a debate. O  dos alumnos de ESO levou por título “Lemos máis ou menos dende a irrupción de internet na nosa vida cotiá?”, mentres que para os de Bacharelato foi “Debe primar a seguridade dun país sobre o dereito á intimidade?”.
 
Unha lectura para cada momento
 
Ao fío dos asuntos que se debateron neste programa, Miguel Santalices, afirmou que  “todo está nos libros e sempre hai un libro e unha lectura para cada momento”.
 
A xuízo do vicepresidente do Parlamento de Galicia, e con independencia do soporte elixido, coa lectura transmítese “o coñecemento, a cultura e a esencia da civilización occidental, tal e como a coñecemos”. Neste punto, Santalices animou tamén aos nenos e mozos presentes a achegarse, “sen
medo, á lectura dos xornais”.
 
Como médico, Miguel Santalices reflexionou tamén sobre o risco de que o uso excesivo de dispositivos electrónicos no tempo de ocio reste tempo aos máis novos para a lectura e o deporte, “actividades imprescindibles para acadar a plena madurez física e intelectual”.
 
Respecto ao asunto sobre o que debateron os alumnos de Bacharelato, Santalices recordou que o reforzamento da seguridade global tras o atentado contra as torres xemelgas leva implícita unha certa perda da intimidade, especialmente no eido das comunicacións.
 
“Todo o que se sube e se envía a través da rede sen as debidas precaucións de seguridade é susceptible de ser incorporado á aldea global e de ser utilizado cunha finalidade diferente á inicial, comprometendo a nosa intimidade, malia que se trate dun dereito fundamental protexido polas leis”, afirmou.  Por iso, animou aos asistentes a ter presentes todos estes riscos antes de compartir determinados contidos, especialmente a través das redes sociais.
 
Gañadores
 
O equipo do colexio La Salle de Santiago, na categoría de Bacharelato, e o do IES A Pinguela de Monforte, na modalidade de ESO, resultaron gañadores do certame Parlamento Xove, que organiza anualmente a Consellería de Traballo e Benestar. Tomaron parte neste concurso 43 equipos de 34 centros educativos de toda Galicia, cun total de 215 alumnos e alumnas. Á final chegaron doce equipos de nove centros. 
 
O equipo gañador de Bacharelato recibiu como premio unha viaxe valorada en 5.000 euros e os membros do equipo de ESO poderán disfrutar dunha semana de ocio educativo.
Os finalistas, en Bacharelato, foron os alumnos do IES Laxeiro de Lalín que recibiron unha tableta dixital. En ESO, o equipo subcampión foi o do IES Pontepedriña de Santiago. Cada un dos seus membros foron obsequiados cun ebook.
 
En  Bacharelato, oito foron os  equipos que debateron nesta fase final; con un equipo o IES A Pinguela de Monforte, o Colexio La Salle de Santiago, o IES Manuel Murguía de Arteixo e o Colexio Divina Pastora de Ourense; e con dous equipos: o IES Laxeiro de Lalín e o IES de Becerreá. Nesta categoría o debate centrouse no tema ‘Debe primar a seguridade dun pais sobre o dereito á intimidade?’.
 
En Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) chegaron á final catro equipos, tres de Santiago: O Colexio La Salle, o IES Pontepedriña, o IES Antón Fraguas e un de Monforte de Lemos, o IES A Pinguela. O tema de debate nesta categoría foi ‘Lemos máis ou menos dende a irrupción de internet na nosa vida cotiá?’.
 
Os gañadores ao mellor dossier de investigación, os alumnos do IES Manuel Murguía de Arteixo, recibiron un disco duro e os mellores oradores un diploma e un ipod. O tema do dossier de investigación foi o mesmo que a temática da fase preliminar, na que os mozos e mozas debateron sobre igualdade e a prevención da violencia de xénero, e, así, o debate xirou sobre a interrogante ‘Sofren as novas xeracións un retroceso sexista e na tolerancia ás diferenzas persoais?’.
 
O obxectivo deste concurso de Xuventude é fomentar entre a mocidade o diálogo e a argumentación razoada das ideas propias como ferramenta para o consenso. Así, para avanzar neste camiño, durante a experiencia, os participantes tiveron que buscar información, realizar un dossier de investigación e, finalmente, debater a favor ou en contra dun tema proposto pola organización.
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas