O Parlamento de Galicia acolle unha campaña de detección precoz do glaucoma

 
• Facultativos do Instituto Galego de Oftalmoloxía realizan probas a todo o persoal relacionado co Parlamento coincidindo coa primeira xornada do Pleno desta semana
• Pilar Rojo destaca a importancia da detección precoz desta enfermidade
 
Santiago, 22 de abril de 2014.- O Parlamento de Galicia acolle este martes, coincidindo coa celebración do Pleno ordinario da Cámara, unha campaña de detección precoz do glaucoma  coa colaboración do Instituto Galego de Oftalmoloxía (INGO), unha fundación pública dependente do Servizo Galego de Saúde.
 
A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, acompañada polo vicepresidente primeiro da Cámara, Miguel Santalices, e a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, visitou a primeira hora de hoxe ao persoal encargado de realizar as probas, e chamou a atención sobre a importancia da detección precoz do glaucoma, unha doenza, “silente, como todas as enfermidades graves”.  O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, achegouse durante a mañá.
 
Nesta campaña, as probas de detección precoz do glaucoma son efectuadas por facultativos do INGO e poden someterse a elas todo o persoal relacionado co Parlamento, como deputados, funcionarios, persoal dos grupos parlamentarios, xornalistas acreditados, policías, etc.
 
O glaucoma primario de ángulo aberto é unha enfermidade ocular crónica e progresiva que se non se trata conduce a unha perda importante de visión que pode chegar á cegueira absoluta.
 
Prevalenza
 
A prevalenza desta enfermidade na poboación xeral estímase nun 2% aos 40 anos, pero a porcentaxe aumenta a medida que avanza a idade. O glaucoma constitúe a segunda causa máis frecuente de cegueira nas sociedades avanzadas e caracterízase por un dano específico no nervio óptico, na gran maioría dos casos por aumento da presión intraocular.
 
Nas fases iniciais aparecen alteracións da visión no campo visual das que o paciente non adoita ser consciente. En fases máis avanzadas da doenza, a redución do campo visual afecta gravemente á calidade de vida do paciente e cando chega a comprometer a visión central pode producirse unha cegueira absoluta.
 
Importancia da detección precoz
 
Unha vez producidos, os defectos visuais do glaucoma son irreversibles. Esa é razón da enorme importancia da detección precoz do glaucoma, xa que o seu tratamento permite, en moitos casos, deter a súa evolución e en practicamente todos retrasala.
 
Con esta iniciativa, o Parlamento de Galicia pretende contribuír a concienciar ao conxunto da sociedade sobre a necesidade de detectar precozmente o glaucoma. “Somos a primeira institución de Galicia e temos que selo para moitas cousas, tamén para concienciar sobre unha grave enfermidade”, afirmou a presidenta da Cámara, Pilar Rojo.
 

Imaxes relacionadas