Pilar Rojo: “Necesitamos apostar máis por Europa”

 
• O Parlamento de Galicia acolleu este luns unha xornada sobre o futuro de Europa organizada no marco da Presidencia da CALRE 2014
 
Santiago, 31 de marzo de 2014.- “Necesitamos apostar máis por Europa para avanzar na defensa dos intereses de todos os cidadáns e aproveitar as sinerxías existentes. O noso obxectivo é o de acadar o futuro próspero dunha Europa unida na diversidade que teña en conta a realidade rexional existente”. Son palabras da presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, esta maña, na inauguración da xornada “¿Por qué nos importa Europa?: O futuro das rexións na Unión Europea”, celebrada na sede do lexislativo autonómico co obxectivo de “abrir un debate sobre Europa, sobre o que esta significa e por que debe importarnos”.
 
Rojo Noguera desexou que nas vindeiras eleccións europeas se incremente a participación “para dotar, así, dunha maior lexitimidade democrática ao proxecto de integración europeo”
 
A conferencia inaugural da xornada foi pronunciada polo presidente do Comité das Rexións e presidente da Rexión de Murcia, Ramón Luis Valcárcel Siso, que foi presentado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
 
Mesa redonda
 
De seguido, celebrouse unha mesa redonda moderada polo xornalista José Luis Gómez baixo o título “Europa, si ou non?” e na que participaron José Luis Barreiro Rivas, profesor de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago de Compostela; Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional da USC; Cristina Ares Castro-Conde, profesora contratada doutora do departamento de Ciencia Política e da Administración da USC;  Marta Álvarez Quintero, da Granxa Maruxas; e Adolfo Domínguez, presidente da empresa Adolfo Domínguez.
 
A clausura correu a cargo de Benita Ferrero–Waldner, actual presidenta da Fundación Euroamérica, ex-ministra de Asuntos Exteriores de Austria e ex-comisaria Europea de Relacións Exteriores, e de Comercio e Política Europea de Vecindade que falou sobre “A importancia de Europa no mundo globalizado”. Foi presentada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller.
 
Esta xornada enmárcase nas actividades organizadas coincidindo coa Presidencia da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) que a titular do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, ostenta durante o ano 2014.

74 rexións e máis 200 millóns de cidadáns
 
Creada en 1997 e integrada polos parlamentos de 74 rexións europeas con competencias lexislativas, da CALRE forman parte os órganos lexislativos das comunidades autónomas españolas,  consellos rexionais italianos, asambleas de rexións e comunidades belgas, os parlamentos dos länder alemáns e austríacos, o parlamento autónomo de Åland (Finlandia), as asambleas rexionais das illas Azores e Madeira (Portugal) e as de Escocia, Gales e Irlanda do Norte (Reino Unido). Son en suma, órganos de oito países diferentes e representan a máis de 200 millóns de cidadáns.
 
 

Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas