Pilar Rojo inaugura no Carballiño a mostra “51 páxinas das nosas letras”

 

• A exposición, organizada polo Parlamento rende homenaxe aos autores aos que se dedicou o Día das Letras Galegas desde hai 50 anos

 

• A colaboración entre o Parlamento, a Real Academia Galega e a Xunta para organizar esta mostra  supón, a xuízo de Rojo Noguera, un exemplo de colaboración

 

Santiago, 19 de marzo de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, inaugurou esta noite no Auditorio do Carballiño, a exposición “51 páxinas das letras galegas”, unha mostra organizada polo Parlamento de Galicia, coa colaboración da Xunta e a Real Academia Galega, para render homenaxe aos autores homenaxeados no Día das Letras Galegas, desde súa a instauración, no ano 1963.

 

A presidenta da Cámara galega animou aos veciños do Carballiño a visitar a exposición, e moi especialmente aos mestres e mestras, para que leven aos seus alumnos e alumnas a coñecer a mostra; e aos pais e nais, para que fagan o mesmo cos seus fillos e fillas.

 

A mostra continúa no Carballiño seu percorrido pola xeografía galega logo dunha primeira estadía na sede da Cámara lexislativa autonómica, desde onde foi trasladada á Coruña e, posteriormente, a Ferrol. 

 

Obras de Siro López e Ferreiro Badía

 

A exposición está integrada polas Medallas das Letras Galegas, pertencentes á colección de arte do Parlamento e que son obra do debuxante, pintor e caricaturista Siro López e do escultor Manuel Ferreiro Badía; reproducen a faciana dos homenaxeados no Día das Letras Galegas.

 

Trátase de modelos de medalla anepígrafos, elaborados por Ferreiro Badía cunha técnica depurada durante anos e que está orientada a atraer novas audiencias, como os nenos, xa que os relevos están baseados nas xeniais caricaturas realizadas por Siro López, aspecto que aporta frescura a cada peza. 

 

Complétase a mostra con paneis que dan conta das  biografías e as principais obras dos autores, textos elaborados por diferentes académicos da RAG na procura dun achegamento ao universo literario de Galicia.

 

A exposición incorpora, ademais, un vídeo –elaborado pola Xunta de Galicia- sobre a historia da celebración do Día das Letras Galegas que inclúe o relato, en primeira persoa, de Don Francisco Fernández del Riego, impulsor da primeira celebración do Día das Letras Galegas, en 1963, o que lle confire un valor especial a este documental, en opinión de Pilar Rojo.

 

Colaboración exemplar

 

Na súa intervención, a presidenta do Parlamento agradeceu a colaboración que o Parlamento atopou na Real Academia Galega e na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para poder materializar este proxecto expositivo, que considerou un exemplo de colaboración.


 


Imaxes relacionadas