Pilar Rojo participa, como presidenta da CALRE, no Cumio Europeo de Rexións e Cidades


 
• Reuniuse, este mediodía, co presidente do Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa, Herwing van Staa

Santiago, 7 de marzo de 2014.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, participa hoxe e mañá, na súa condición de presidenta da CALRE (Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas), no 6º Cumio Europeo de Rexións e Cidades que se celebra en Atenas, organizado polo Comité das Rexións.
 
Este cumio, de periodicidade bianual, celébrase nas vésperas do Consello Europeo de primavera e poucos meses antes das Eleccións ao Parlamento Europeo, previstas entre o 22 e o 25 de maio.
 
As anteriores edicións  dos cumios europeos de rexións e cidades tamén contaron coa participación dos presidentes da CALRE como representantes dos 74 parlamentos rexionais europeos que simbolizan a lexitimidade democrática e a gobernanza multinivel.
 
Futuro de Europa
 
Os participantes no 6ª Cumio Europeo das Rexións e Cidades debaterán sobre o futuro de Europa, o papel dos entes rexionais e a Estratexia Europa 2020 por un crecemento intelixente, sostible e integrador, entre outros asuntos. Un principio fundamental compartido e defendido polos participantes neste Cumio é o de subsidiariedade, que se presenta como garantía  para a execución eficiente dos proxectos iniciados a nivel europeo.
 
Aproveitando a súa participación nesta xuntanza europea, Pilar Rojo reuniuse este mediodía co presidente do Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa e presidente do Parlamento rexional do Tirol, Herving van Staa, co que analizou o desenvolvemento dun acordo de cooperación en vigor asinado coa CALRE e abordou posibles liñas de colaboración entre as dúas entidades.
 
Información relacionada con esta reunión:
 
 
 
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia

Imaxes relacionadas