Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 19 de decembro de 2012

6.5 844 (09/PNP-000042)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Sobre os aspectos que debe recoller a redacción do Proxecto de lei de garantías de prestacións sanitarias para a súa presentación no Parlamento de Galicia
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 11, do 07.12.2012
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que na anunciada Lei de garantías de prestacións sanitarias que se presente no Parlamento:
 
1.- Se prevexa o dereito a que a atención sanitaria no ámbito hospitalario do sistema público, no seu carácter programado, non urxente, sexa dispensada de acordo cunhas demoras máximas nos tempos de espera.
 
2.- Se prevexa a libre elección de médico, pediatra e persoal de enfermaría.
 
3.- Se prevexa a libre elección de hospital.
 
4.- Se recollan aspectos e dereitos relacionados coa segunda opinión médica e instrucións previas."
 
6.8 895 (09/PNP-000047)
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Sobre as medidas que debe adoptar o Goberno galego en defensa da viabilidade do sector lácteo e do equilibrado da cadea de valor da comercialización dos seus produtos
Publicación da iniciativa, BOPG n.º 11, do 07.12.2012
 
O texto aprobado é o seguinte:
 
"O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a adoptar as seguintes medidas en defensa da viabilidade do sector lácteo galego e do equilibrado da cadea de valor da comercialización dos seus produtos:
 
• A curto prazo:
 
1.- Dar continuidade ao impulso dun grupo de traballo constituído entre os diferentes segmentos do sector, especialmente entre produtores, industria e distribución, que permita desenvolver unha negociación periódica dos prezos do leite.
 
2.- Reforzar o desenvolvemento do Plan de control de calidade do leite que se está a pór en marcha desde o ministerio e en coordinación coas CC.AA., co gallo de analizar os contidos dos produtos en toda a cadea de transformación de comercialización.
 
3.- Comunicar a situación existente no mercado lácteo aos servizos e tribunais en materia de competencia para a análise e estudo dos mercados de cara a detectar e sancionar posibles prácticas abusivas na estrutura comercial do lácteo.
 
4.- Demandar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente:
 
• O cumprimento estrito do acordo asinado entre produtores, comercializadores e transformadores para que o leite deixe de ser un produto de reclamo comercial.
• A articulación dunha fórmula áxil para achegar as axudas conseguidas na UE para poder xerar liquidez nas explotacións e afrontar as débedas.
• A medio prazo:
1.- Impulsar e tramitar medidas legais específicas que permitan avanzar na formulación dun modelo de territorio rural que leve a dispor de maior base territorial para as explotacións lácteas galegas, con especial énfase na aprobación da Lei de mellora da estrutura territorial agraria.
 
2.- Continuar co apoio á marca identificativa do leite galego de calidade diferenciada Galega 100%, así como coa achega de axudas para a realización de investimentos de mellora das explotacións que leven a unha redución estrutural dos seus  custos e a unha maior eficiencia no seu funcionamento.
 
3.- Fomentar a estruturación das organizacións de produtores lácteos, de forma coordinada e integrada coas estruturas organizativas previas do sector, de cara ao fortalecemento da posición negociadora da banda da produción láctea nos mercados, promovendo o seu dimensionamento autonómico e mesmo suprarrexional.
 
4.- Fomentar a integración e estruturación dun proxecto galego de transformación de leite, que peche de maneira conexa, directa ou indirectamente, o ciclo de produción e transformación do leite, de cara á produción de produtos elaborados e á diversificación para a produción de derivados lácteos que xeren maior valor engadido, e consolide unha industria transformadora láctea galega propia.
 
5.- Demandar do Goberno do Estado:
• A posta en vigor das leis que permitan favorecer o equilibrio e a transparencia na cadea de valor do lácteo, con especial énfase nas promovidas con base nos anteproxectos de lei de transparencia da cadea alimentaria e da concentración da oferta.
• A defensa, dentro do proceso de reforma da política agraria común e no marco decisorio español e europeo, do recoñecemento e tratamento equitativo das particularidades do agro galego. En particular, defenderemos a consideración do sector lácteo como prioritario, atendendo a postular o seu acceso aos pagamentos acoplados por riba do 10% que se prevexa na proposta de regulamento de pagamentos directos feito público pola Comisión Europea.”

 
 
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2012

Imaxes relacionadas