O Parlamento descontará en decembro aos deputados o equivalente a unha paga extra e reducirá nun 20% o complemento dos membros da Mesa

• A Mesa da Cámara aproba o anteproxecto de orzamentos do Parlamento e o Valedor para 2013, que descenden un 4,87%
 
• Redistribúe entre os catro grupos parlamentarios o importe das subvencións e evita así incrementar o presuposto
 
• O Parlamento reitera a súa aposta pola austeridade, que entre 2009 e 2011 permitiu aforrar máis de 5 millóns de euros

Santiago, 17 de decembro de 2012.- A Mesa do Parlamento de Galicia acordou esta tarde, por proposta da presidenta, Pilar Rojo, trasladar á nómina de decembro dos deputados un desconto equivalente a unha paga extraordinaria.
 
Os deputados xa non percibían esa paga extraordinaria, pero a Cámara entende necesario aplicar un desconto equivalente a unha paga en decembro para equiparar a situación dos parlamentarios autonómicos coa dos funcionarios públicos (tamén os do Parlamento) aos que se lles deixará de aboar esa cantidade na nómina de decembro.
 
A Mesa da Cámara aprobou tamén o anteproxecto de Orzamentos da institución para o ano 2013 que, no seu conxunto (presuposto agregado do Parlamento e o Valedor) sumarán  18.689.165 euros, o que supón un descenso do global 4,87% respecto ás contas de 2012.
 
Redución do complemento dos membros da Mesa
A Mesa do Parlamento acordou tamén aplicar unha diminución do 20% no complemento que perciben os membros da Mesa do Parlamento de Galicia, que será efectivo a partir do vindeiro 1 de xaneiro.
 
O acordo da Mesa de hoxe inclúe ademais unha redistribución do importe destinado á subvención que o Parlamento outorga aos grupos parlamentarios. A Cámara optou por distribuír entre os catro grupos actuais o mesmo importe que figuraba nos orzamentos de 2012 para evitar incrementar o gasto.
 
Aforro de máis 5 millóns de euros entre 2009 e 2011
Con estas decisións, o Parlamento de Galicia continúa avanzando nas medidas de redución do gasto aplicadas desde o comezo da pasada lexislatura e que, entre 2009 e 2011, permitiron aforrar 5,2 millóns de euros, a maiores dos axustes presupostarios aplicados, que situaron as contas da Cámara de 2012 nos niveis de 2006.
 
Recorda tamén o Parlamento que ao disolverse a VIII Lexislatura, a Cámara suprimiu a indemnización compensatoria por cesamento da actividade que, ata entón, percibían os deputados. 
 
Nos vindeiros días, o Parlamento tamén porá á venda publicacións e outro material editado pola institución para financiar o seu custe.
 

Imaxes relacionadas