Pilar Rojo reivindica o “consenso da transición” que alumeou a Carga Magna e “situou o nome de España no orbe de nacións democráticas”

• Asistiu na Delegación do Goberno a un acto institucional no que expresou a súa “lealdade constitucional” con “gratitude e esperanza”

Santiago, 5 de decembro de 2012.- A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera, afirmou esta mañá, nun acto institucional celebrado na Delegación do Goberno para conmemorar o 34 aniversario da aprobación da Carta Magna, que no actual contexto de crise “o referente constitucional pode ser  axeitado para lograr alcanzar sinerxías efectivas e achar solucións”.
 
En opinión de Pilar Rojo, o marco de convivencia trazado por esta norma básica “debe servir como lugar de encontro e ágora de intercambio de ideas, como espazo de liberdade que canalice os esforzos de todos e como vehículo de entendemento  para buscar acordos globais”. E considerou que na sociedade actual “non podemos prescindir do alto rendemento que nos proporcionou a Constitución de 1978”.
 
Vixencia da Constitución
A presidenta do Parlamento reivindicou “o consenso da transición que alumeou o texto que segue vixente e que situou con forza o nome de España no orbe de nacións democráticas”.
 
Na súa intervención, a titular da Cámara galega tivo palabras de recoñecemento para as persoas que foron condecoradas no acto, pero tamén para os constituíntes do 78, que “fixeron un esforzo intenso para crear un modelo de convivencia pacífica, plural e aberta”. Eles “conseguiron inaugurar un período democrático que modernizou España e Galicia como antes nunca fora posible. O veredicto da historia xa recoñeceu o seu acerto”.
 
“Como presidenta do Parlamento de Galicia, expreso a miña sincera lealdade constitucional movida por un sentimento de gratitude e esperanza. Esperamos que as xeracións que nos sucedan poidan manter ese legado”, rematou Rojo Noguera.
 

Imaxes relacionadas