Pilar Rojo abre a IX Lexislatura do Parlamento de Galicia co propósito de “ser a presidenta de todos” e “revalorizar a actividade política”

• Na solemne sesión de apertura da IX Lexislatura, a titular da Cámara insta a deputados e deputadas  a “ter presente” que “somos elixidos para contribuír a resolver as dificultades dos cidadáns”

 
• A presidenta da Cámara avoga por un Parlamento “comprometido” co seu entorno, no que “corresponsabilidade, compromiso, esforzo, traballo, solidariedade son verbas subliñadas no noso diccionario”
 
• Avanza súa intención de consolidar a aposta pola austeridade no Parlamento e gañar eficiencia nas funcións parlamentarias e administrativas da Cámara
 
• Define o Parlamento como unha “institución necesaria, inseparable do devir da democracia”

Santiago 4 de decembro de 2012.- “Apostamos por un Parlamento austero, eficiente, sustentable, permeable á cidadanía, revitalizador da política como actividade de defensa do interese xeral, dinámico, participativo, aberto ás novas realidades, plural, transparente, comprometido e situado na modernidade, en España e en Europa”. Son palabras da presidenta da Cámara galega, Pilar Rojo Noguera, na intervención que pronunciou este mediodía co gallo da solemne sesión de apertura da IX lexislatura. 
 
Pilar Rojo, que agradeceu a confianza depositada nela para volver presidir a Cámara, apuntou que é o seu propósito “ser a presidenta de todos e todas, facilitando o traballo dos catro grupos parlamentarios”. Manifestou estar segura de que deputados e deputadas “compartimos ilusións, responsabilidade e un sentimento de intensa obriga con Galicia”.
 
Nesta liña, instou aos integrantes da Cámara a “ter presente, cada día, que somos elixidos para contribuír a resolver as dificultades dos cidadáns”.
 
Sobre os retos que agardan ao Parlamento nesta IX lexislatura, Rojo Noguera referiuse á austeridade, “que agora hai que consolidar”, ademais de avanzar na implantación de melloras que permitan gañar eficiencia nas funcións parlamentarias e administrativas.
 
“Avanzar un grao máis na administración electrónica, potenciando as súas vantaxes e desactivado os seus perigos” é outro dos obxectivos da presidenta da Cámara nesta IX Lexislatura, para o cal “debemos obter e empregar certificados de selo electrónico, de empregado público e de servidor web”. Para Pilar Rojo, as tecnoloxías “son un medio, non un fin en si mesmo; son un instrumento que facilita o cumprimento das funcións establecidas e conectadas coa representación política e a procura do interese xeral”.
 
Canle de reivindicación cidadá
Para lograr un maior achegamento aos cidadáns, a titular da Cámara reclama o “protagonismo do Parlamento como canle privilexiada de reivindicación cidadá” ao tempo que considera preciso “revalorizar a actividade política”. Nesta liña, Pilar Rojo está convencida de que “o exemplo de cada un de nós permitirá restablecer a confianza pública se se basea nunha conduta limpa, leal, seria e rigorosa”. Ao seu xuízo, “a honestidade é unha permanente garantía de éxito e proba de responsabilidade social”.
 
Aposta tamén a presidenta da Cámara por “conxugar o paradigma tradicional, propio do parlamento clásico, coas novas realidades”, cunha “participación dinámica, plural, heteroxénea, que aproveite as virtudes da dialéctica construtiva, de respeto mutuo e do diálogo democrático”. Todo elo para “evitar escisións entre a representación formal e a representación material”.
 
No ámbito da modernización, Rojo Noguera aspira a que na Cámara latexe permanentemente o espírito de “renovación e actualización para recuperar o liderado que lle corresponde no sistema parlamentario”, nun escenario de transparencia, “favorecendo o acceso ao noso traballo e o cumprimento do dereito constitucional de liberdade de información”.
 
Un Parlamento comprometido e necesario
Insistiu en que a Cámara galega debe ser un Parlamento “comprometido coa situación que nos rodea, permeable ás necesidades das persoas e sensible cos máis necesitados”, na medida en que “corresponsabilidade, compromiso, esforzo, traballo, solidariedade son verbas subliñadas no noso diccionario”.
 
Pilar Rojo amosouse convencida de “somos unha institución necesaria, inseparable do devir da democracia”, polo que “facer avanzar o Parlamento fará progresar a democracia”.
 
Canto ao contexto nacional e internacional no que opera a Cámara galega, Rojo Noguera aposta por “fomentar a colaboración cos nosos homólogos”, no escenario de goberno multinivel que caracteriza aos actuais sistemas públicos.
 

Imaxes relacionadas